A falta de alugueres en Santiago aboca a aloxar os Erasmus noutros concellos

As inmobiliarias avisan de que coa chegada do Xacobeo a escaseza irá a máis debido á proliferación dos pisos turísticos
Mercado inmobiliario
photo_camera Mercado inmobiliario

As tensións no mercado compostelán do aluguer agudízanse co paso dos meses nunha urbe que, segundo os datos da Federación Galega de Empresas Inmobiliarias, dispuña a mediados deste mes dun stock de apenas 290 pisos baleiros en arrendamento. Son a metade dos que hai en Vigo e un 66% menos que a bolsa existente na Coruña, dúas cidades nas que a oferta tamén comeza a escasear. 

Cunha comunidade de estudantes universitarios que rolda os 16.300 no campus compostelán, moitos experimentaron este verán serias dificultades para atopar un aloxamento alcanzable nas proximidades das súas facultades. Algúns incluso optaron por irse a concellos da área metropolitana para pagar menos. E todo indica que a cousa irá a peor a medida que se vaia achegando o Xacobeo 2021

Un arrendador dun piso turístico en Santiago ingresa en menos dunha semana o que percibe por un mes asinando un contrato con universitarios

A explicación é que a bolsa de pisos orientados aos estudantes adelgaza ás alancadas —do mesmo xeito que a oferta para as familias—, porque moitos propietarios optan por arrendar as súas vivendas para uso vacacional para obter maiores rendibilidades. Basta con mergullar en plataformas como Airbnb ou Homeaway para atopar prezos que chegan a rozar os 190 euros por noite para reservar un piso próximo á catedral na última semana de agosto. Con estas tarifas, un arrendador ingresa en menos dunha semana o que percibe por un mes asinando un contrato con universitarios.  

"Este ano hai menos oferta. Os estudantes galegos xa se foron situando, pero o problema é que nuns días chegan os Erasmus buscando aloxamento", constata Carlos Debasa, o presidente da Asociación Galega de Inmobiliarias (Agalin), que agrupa a empresas de Compostela e Ames. Para o próximo curso, a USC reserva 118 prazas en residencias públicas para estudantes internacionais (entre os campus de Santiago e Lugo), pero a cuestión é que o número de alumnos recibidos rolda os 400.

Se o ano pasado xa foi necesario situar a algúns en Cacheiras, Bertamiráns ou no Milladoiro, Debasa avisa de que "este ano a situación é aínda peor e, se non se pon remedio ao auxe dos arrendamentos turísticos, en 2021 será escandaloso". Nunha cidade na que o prezo dos arrendamentos subiu un 4% no primeiro semestre con respecto a 2018, o presidente de Agalin, que dirixe a inmobiliaria Percent Compostela, chama á USC a tomar "cartas no asunto" para pedir algún tipo de acción ás administracións de face a garantir "o aloxamento á xente que quere estudar". 

María Paz, estuda Química: "En Santiago, a relación calidade-prezo das vivendas é lamentable"

A ourensá María Paz Álvarez, de 22 anos, empezará en setembro o seu último curso de Química. Para ela, buscar piso en Compostela é sempre unha odisea, pero este ano resultoulle particularmente difícil.
MariaPaz estudante USC.EP
O dono da vivenda na que residía o curso pasado decidiu subir o prezo do arrendamento, polo que esta estudante e a súa compañeira optaron por buscar unha alternativa máis alcanzable. "Este ano os alugueres son moito máis caros", afirma Paz, quen, ademais das trabas en canto aos prezos, topouse con dificultades para dar cunha opción para dúas. "Atopar pisos de tres persoas é moito máis fácil", asegura.

De feito, esta ourensá e a súa compañeira vivirán o próximo curso nunha vivenda para tres; opción que atoparon "na terceira semana de xullo", cando o ano pasado resolveran a papeleta nos primeiros días do mes. En xeral, María Paz considera que a relación calidade-prezo dos pisos de estudantes en Compostela é "lamentable", posto que "son rendas desorbitadas para vivendas que non se reforman desde fai 20 anos".
 

 

Fabiana García, estuda Odontoloxía: "Este ano foi moi difícil buscar piso, fixéronnos moitas mañas"

Fabiana García Gutiérrez é de Vigo, pero estuda o seu quinto e último curso de Odontoloxía en Santiago. Para esta viguesa de 22 anos buscar piso para o próximo ano na capital galega "foi un pesadelo" que lle deixou varias anécdotas para compartir. 
Fabiana García, estudante USC.EP
"Fixéronnos moitas mañas este ano. Visitaramos varios apartamentos que nos gustaban e falamos cos propietarios para pechar o contrato. Estes dixeron que nos chamarían en breve e, cando nos puxemos en contacto con eles de novo, resultou que xa alugaran a vivenda", declara.

Ao facer balance, Fabiana García di estar "bastante descontenta" tanto coa xestión dos alugueres como coas condicións dos pisos en Compostela. O próximo curso, esta estudante e as súas dúas compañeiras vivirán nun piso "cunha cociña minúscula" e polo que pagarán 630 euros ao mes. García sinala que os principais problemas na procura foron "os pisos que aínda non estaban desocupados e non se podían ver" e que "todo" o que lles ofrecían "estaba moi lonxe".
 

Comentarios