Ferroatlántica suspende o Erte en Galicia tras lograr incentivos eléctricos

Sabón e o complexo de Cee-Dumbría líbranse por seis meses do axuste tras a poxa da interrumpibilidade
 

Factoría de Ferroglobe en Dumbría.EP
photo_camera Factoría de Dumbría. EP

Ferroatlántica suspende por seis meses a aplicación do expediente de regulación de emprego temporal (Erte) nas plantas de Cee, Dumbría e Sabón logo de facerse con incentivos suficientes para reducir o custo da enerxía no marco da poxa do servizo da interrumpibilidade á que esta semana concorren as grandes industrias españolas.

A compañía do grupo Villar-Mir —que está pendente de que a Xunta e a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia aclaren se autorizan ou non a venda ao fondo estadounidense TPG das factorías da comarca de Xallas e as dez centrais hidroeléctricas que explota na zona— cumpre así o acordado cos comités de empresa.

No caso de Cee e Dumbría, que suman 300 traballadores, Ferroatlántica reactivará na segunda metade do ano os dous fornos que permanecían parados, de maneira que os cinco cos que contan as instalacións permitirán producir ferroaleaciones. A compañía conseguiu un bloque de 40 megawatios (MW) e dez de 5 MW. Na poxa de decembro na que se repartiron os incentivos do primeiro semestre adxudicouse un de 40 MW e sete de 5.

En canto ao complexo de Sabón, no que a compañía se compromete a investir 26 millóns de euros se prospera a operación con TPG —que lle reportaría 170 millóns—, Ferroatlántica activará no que resta de ano un segundo forno, dos tres dos que dispón, seguindo o acordado co comité de empresa do centro, que conta con 122 operarios. Neste caso, a compañía adxudicouse na poxa oito bloques de 5 MW, o dobre que en decembro.

Os plans da compañía para a factoría de Arteixo inclúen crear unha fábrica de silicio pulverizado de alta pureza que, nunha primeira fase, fornecería material para a fabricación de encimeras, cosméticos e material pirotécnico. A segunda está enfocada a fornecer a fabricantes de baterías para móbiles e coches. A maiores, Ferroatlántica tamén ofrece buscar investidores privados e públicos para promover unha planta de produción de carbón vexetal en Galicia.

Así as cousas, as tres factorías líbranse no que resta de ano da aplicación do Erte pactado en febreiro, que debía comezar a aplicarse en marzo cunha duración de dous anos. As que non escapan son a planta de Cantabria e as oficinas centrais de Madrid.

Comentarios