O FMI empeora as súas previsións para España e calcula unha caída do PIB do 12,8%

Xunto a Italia é o país con peores prognósticos dentro dos considerados como "avanzados"
Proc/JFIF/EFE-Calidad:Excelente
photo_camera Pedro Sánchez, este mércores no Congreso. EFE

A economía española contraerase un 12,8 % en 2020 pola pandemia do coronavirus, segundo as previsións divulgadas este mércores polo Fondo Monetario Internacional, que empeora en 4,8 puntos o seu prognóstico de abril e sitúa así a España, xunto con Italia, no peor lugar dos países avanzados.

Para o conxunto da zona euro, o Fondo tamén prevé un empeoramento, xa que agora calcula que a súa economía caerá este exercicio un 10,2 %, fronte ao 7,5 % previsto en abril. Italia, cun retroceso do 12,8 %, sitúase á cola coa mesma taxa que España, tras ser revisada a cifra de abril (-9,1 %).

"(Nas economías avanzadas) parece que houbo un golpe máis profundo á actividade na primeira metade do ano, con sinais de distanciamento voluntario incluso antes de que se impuxesen as ordes de reclusión. Isto tamén suxire unha recuperación máis gradual na segunda metade, dado que o medo ao contaxio é probable que continúe", indica o Fondo.

Francia, segundo as novas previsións, rexistrará tamén un notable esborralle, do -12,5 % este ano, unha taxa máis de cinco puntos porcentuais peor que a prevista en abril, e Alemaña, a primeira economía do euro, caerá un 7,8 %, oito décimas máis do calculado anteriormente.

De face a 2021, o Fondo prognostica agora que a recuperación na zona euro será do 6,3 %. España e Italia crecerán esa mesma taxa, Alemaña farao un 5,4 % e Francia un 7,3 %.

Neste sentido, o Fondo indica que a medida que as economías se reabren, deberían moverse gradualmente da protección de emprego e empresas a facilitar a recuperación e eliminar os obstáculos de recolocación de empregados".

E aproveita a ocasión para dar a voz de alerta sobre o futuro: "Debido aos elevados niveis de débeda, podería quedar limitada a capacidade de maior estímulo fiscal e suporá un importante desafío para moitos países". EFE

Sánchez lamenta que as previsións do FMI vaticinen un "horizonte sombrío"

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, lamentou o "horizonte sombrío" que vaticinan as previsións económicas feitas públicas polo Fondo Monetario Internacional (FMI).

Na súa intervención inaugural na videoconferencia "Xuntos por unha resposta para América Latina e o Caribe ante a Covid-19", na que participa entre outros, precisamente, a directora xerente do FMI, Kristalina Gueorguieva, Sánchez fixo este breve comentario ás previsións do Fondo sen aludir de forma explícita aos referentes a España.

Pedro Sánchez foi o promotor desta reunión na que participan dez presidentes latinoamericanos e representantes das principais institucións financeiras internacionais e rexionais.

O obxectivo deste encontro é reclamar a estas institucións que poñan en marcha instrumentos de financiamento para axudar a estes países que non se están podendo beneficiar de moitas iniciativas postas en marcha por ter un nivel de renda medio e non estar entre os países en vías de desenvolvemento.

"España está máis cerca que nunca de América Latina e do Caribe, porque temos o obxectivo común de arrinconar ao virus, protexer a saúde de todos e relanzar as economías sen que quede ninguén atrás", engadiu. 

Comentarios