Fontenla: "Un empresario ratificoume o seu interese en comprar factorías de Alcoa"

O portavoz da patronal galega non quixo entrar en máis detalles

Antonio Fontenla. EFE
photo_camera Antonio Fontenla. EFE

O presidente da Confederación de Empresarios da Coruña e portavoz da patronal galega, Antonio Fontenla, dixo nunha entrevista en Radio Galega que a día de hoxe "un empresario galego" mostrou o o seu interese en comprar Alcoa, en referencia ás factorías coruñesa da Grela e a asturiana de Avilés. 

Fontenla, a pesar de non entrar en detalles, afirmou que cre que "haberá posibilidade, seino, e díxeno hai meses, e aínda mo ratificou hai pouco tempo nunha reunión en Madrid un empresario galego que ten interese en comprar", aínda que a continuación engadiu que "o que temos que saber é se quen ten interese en vender é Alcoa ou non, porque se cadra que saia un competidor non é un tema importante".

Ademais de Alcoa, a situación de Ferroatlántica e de Isowat leva ao expresidente da patronal galega a asegurar que se está vendo "un certo desmantelamento non só en Galicia, senón en toda España" para as empresas electrointensivas. 

Fontenla aludiu ao elevado prezo da enerxía en España e apostou por buscar "unha regulación que non se vexa tan afectada, que cada seis meses non lles cambie o prezo da enerxía". 

Na véspera da reunión do "diálogo social" convocada pola Xunta e ante a ausencia anunciada pola CIG, Fontenla admite que "nestes momentos que hai tantas incertezas en todo non é o mellor momento para facer diálogo social". Para o presidente da patronal coruñesa, a posición da CIG é "un tema de estratexia sindical".

"Temos que completar o desenvolvemento social e as medidas que poidan propiciar maior emprego e as posibilidades de que a xente que leva moito tempo desempregada poida en certo xeito atopar o seu traballo", indicou.

O futuro da CEG
Sobre o futuro da CEG, dixo que o comité executivo da Confederación de Empresarios de Galicia se reunirá este luns para convocar a asemblea xeral na que se prevé aprobar os novos estatutos. 

Ante a falta dun presidente desde hai máis dun ano, Fontenla fixa as súas esperanzas na aprobación dos novos estatutos como paso previo ás eleccións. 

Na súa opinión, os novos estatutos permitirán "maior gobernabilidade" e "pode ser máis atractivo á xente que neste momento non está a formar parte dos órganos de goberno da CEG".

No plano económico, asegurou que nestes momentos a CEG "ten un patrimonio importante" e dixo que a débeda non é algo "que nos faga ter preocupacións".

Acerca da inminencia do Brexit, o presidente da CEC recoñeceu consecuencias negativas para empresariado galego ao sinalar que "imos sufrir un pouco porque Inglaterra, o Reino Unido, é o cuarto país logo de Francia, Portugal e Italia no que exportamos", pero a continuación mostrouse optimista para asegurar que "atoparemos solución". 

Comentarios