O alcalde de As Pontes reclama a incorporación de Galicia ao fondo de descarbonización da UE

González Formoso reuniuse en Bruxelas coa directora xeral de Enerxía da Unión Europea
Reunión de Formoso en Bruselas. EP
photo_camera Reunión de Formoso en Bruselas. EP

O alcalde de As Pontes e presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, reclamou a incorporación de Galicia ao fondo de descarbonización que prepara a Unión Europea. 

Así o trasladou nunha reunión que mantivo, en Bruxelas, coa directora xeral da Enerxía da Unión Europea, Ditte Juul Jorgensen. Nela, estivo acompañado polo eurodeputado socialista Nicolás González Casares. 

Sobre o encontro, o alcalde de As Pontes trasladou, ao termo do mesmo, que expuxo o malestar pola modificación no mercado de dereitos de emisión de CO2, "que provocará a saída do mercado das centrais térmicas que decidiron apostar polo medio ambiente e adaptarse á directiva europea de emisións industriais". 

Ademais, expuxo que solicitaron a incorporación de Galicia ao fondo de descarbonización de rexións carboníferas. "Son fondos cuantiosos e que poden ser un soporte importante na reactivación industrial da nosa comarca", apostilou. 

No encontro, expuxo tamén a redución na central das Pontes da presenza do carbón e a súa substitución por outros combustibles renovables para garantir o futuro da instalación, algo que, segundo Formoso, "entra dentro da filosofía das liñas estratéxicas da Unión Europea". 

Formoso cualificou de "moi positiva" a reunión, aínda que a acolleu con "cautela", sobre todo polo feito de que aínda estea en proceso o deseño do fondo de descarbonización, do que dixo que o obxectivo sería que permitiría a utilización dos seus recursos para a transformación da central de As Pontes. 

Comentarios