Conde pide ao Goberno que exclúa a Galicia do suplemento que subirá da luz 

O conselleiro de Economía defende que  os impostos que a Xunta cobrou ás eléctricas son por contaminación "ambiental" e non por subministración

Francisco Conde. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Francisco Conde, este martes en Lugo. VITORIA RODRÍGUEZ

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, insistiu este martes en que os impostos que a Xunta cobrou ás eléctricas son por contaminación "ambiental" e non por subministración, polo que pide ao Ministerio para a Transición Ecolóxica que teña en conta as súas alegacións, o que permitiría a Galicia salvarse da nova subida da luz. 

Este incremento na factura de eléctrica durante un ano pretende repercutir nos consumidores os suplementos territoriais cobrados no ano 2013, en virtude da lei do sector aprobada entón polo Goberno de Mariano Rajoy. As eléctricas recorreron estes suplementos ante a Xustiza e o Tribunal Supremo deulles a razón. 

Isto é, o alto tribunal di que sexan os consumidores e non as empresas produtoras as que paguen os impostos establecidos pola súa comunidade autónoma ás eléctricas. A redacción da lei cambiouse a posteriori, por iso é polo que esta reclamación estea cinguida a 2013. 

Neste escenario, a Xunta presentou alegacións ante o Goberno central para explicar que os impostos galegos (por auga embalsada e canon eólico) son por contaminación "ambiental" e, de feito, a súa recadación destínase a proxectos nos concellos nos que hai impacto da produción. Así, o Goberno galego advirte de que non son impostos vinculados á subministración eléctrica. 

"Entendemos que non é de aplicación", subliñou este martes o conselleiro de Economía en declaracións aos medios en Lugo.

"Esperamos que o Goberno atenda esas alegacións. O Goberno é o responsable de identificar que impostos hai que aplicar", apuntou Francisco Conde, quen recordou que están afectadas neste momento 14 comunidades autónomas. 

Deste xeito, espera que a orde do Goberno "responda só a impostos vinculados coa subministración eléctrica e non ambientais", o que deixaría fóra aos consumidores galegos desta subida da luz para paliar a situación de 2013. 

Comentarios