Gas Natural Fenosa chamarase agora Naturgy

O novo nome aprobouse este mércores durante a Xunta Xeral de Accionistas que se celebra en Madrid

Junta de Naturgy. DP
photo_camera Xunta de Naturgy. DP

Gas Natural Fenosa, cuxa denominación social actual é Gas Natural SDG, pasará a chamarse Naturgy, un novo nome que se aprobou este mércores durante a Xunta Xeral de Accionistas que se celebra en Madrid.

Aínda que a modificación da denominación social figuraba entre as propostas de acordos da Xunta, o nome elixido mantívose en segredo ata última hora.

O presidente executivo da multinacional, Francisco Reynés, deu a coñecer na Xunta a nova marca, para a que se elixiu o azul como cor corporativa, aínda que a imaxe incorpora tamén unha bolboreta -icona xa representativa da compañía- de cor laranxa.

Coa nova denominación, esta empresa, que este ano cumpre 175 anos de historia, busca simbolizar que abre unha nova etapa da man de Francisco Reynés, quen precisamente este xoves dará a coñecer os detalles do novo plan estratéxico da multinacional ata o ano 2022.

Na rolda de prensa previa á Xunta de Accionistas, Reynés asegurou que, nas súas orixes, en 1843, a compañía chamouse Sociedade Catalá para a Iluminación por Gas (SCAG) e que Pere Duran Farell, o introductor do gas natural en España, xa lle cambiou o nome en 1992.

E é que a actual denominación social, Gas Natural SDG, está vixente desde 1992, froito da fusión entre Catalá de Gas e Gas Madrid, e da absorción de diferentes activos de gas canalizado de Repsol Butano.

Comentarios