O Goberno quere prohibir a venda de coches diésel e gasolina a partir de 2040

O Executivo prevé que en 2050 non circule ningún turismo que emita de forma directa dióxido de carbono

Recarga de coches eléctricos. AEP
photo_camera Recarga de coches eléctricos. AEP

O Goberno quere establecer por lei que a partir do ano 2040 non se permitirá a matriculación e venda en España de turismos e vehículos comerciais lixeiros con emisións "directas" de dióxido de carbono (entre eles todos os de diésel e de gasolina).

Así se recolle no borrador da Lei de cambio climático e transición enerxética que prepara o Goberno, informaron hoxe fontes do Ministerio para a Transición Ecolóxica (Miteco) a un grupo de xornalistas.

Segundo as previsións coas que traballa o Goberno, no ano 2050 estaría prohibida a circulación de todos os turismos que emiten de forma directa dióxido de carbono.

A norma que prepara o Executivo incide na importancia de promocionar a mobilidade "sen emisións" e en que este é un dos cambios máis relevantes que se deben acometer durante as próximas décadas para conseguir a completa "descarbonización" da economía española na segunda metade do século XXI.

Para iso, o borrador da lei que prepara o Goberno fixa como obxectivo alcanzar, no ano 2050, un parque de turismos e vehículos comerciais lixeiros sen emisións directas de dióxido de carbono, e expón que a partir de 2040 xa non se permitirá a matriculación e venda dese tipo de turismos.

A lei establecerá ademais a obrigación de que todos os municipios con máis de 50.000 habitantes terán que contar con zonas "de baixas emisións" antes do ano 2023.

Respecto ao transporte por estrada, o Goberno ten previsto elaborar un estudo sobre o establecemento de gravames aos vehículos pesados de transporte de mercancías polo uso de determinadas infraestruturas.

A norma sobre cambio climático e transición enerxética que prepara o Goberno prevé ademais fixar como obrigatorio a instalación de puntos de recarga eléctrica nas instalacións de subministración de combustibles e carburantes en distintos prazos e en función do seu volume de vendas.

A proposta do Goberno, segundo explicaron fontes do Miteco, é similar á do Reino Unido, que anunciou que prohibirá a venda de coches diésel e gasolina en 2040 e que no ano 2050 xa non poderán circular. Francia tamén anunciou que prohibirá a venda de coches de combustión en 2040, segundo a mesma fonte, que precisou que os países Dinamarca, Irlanda, Alemaña e Holanda pretenden logralo en 2030 e Noruega en 2025

Comentarios