O Goberno reduce o IRPF a produtores agrícolas e gandeiros afectados pola seca

As reducións establecidas con carácter nacional son aplicables para a declaración da renda 2017 

Unha explotación gandeira en Pol. MARTA MANCEBO
photo_camera Unha explotación gandeira en Pol. MARTA MANCEBO

O Goberno reduciu o Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) aos produtores de cereais, leguminosas, pataca, froita de óso, bovino de leite e gandería extensiva, segundo unha Orde publicada este luns no Boletín Oficial do estado (BOE). 

En concreto, a Orde do Ministerio de Hacienda e Función Pública fixa os Índices de Rendemento Neto na declaración do IRPF para estimación obxectiva (módulos), que recollen as propostas do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente de minoración na presión fiscal para agricultores e gandeiros afectados, entre outros motivos, pola seca. 

O réxime de estimación obxectiva agraria (ou de módulos) do IRPF é o maioritario entre os agricultores e gandeiros de España, sendo o elixido por ao redor dun millón de declarantes. As reducións de módulos aprobadas na Orde publicada este luns tradúcense nunha diminución proporcional da base impoñible derivada dos rendementos da actividade agraria, e xa que logo, do resultado da declaración do IRPF. 

Desta forma, as reducións establecidas con carácter nacional para a declaración da renda 2017 dos agricultores e gandeiros, son: cereais, de 0,26 a 0,18; leguminosas, de 0,26 a 0,18; pataca, de 0,26 a 0,13; froita de óso, de 0,37 a 0,20; apicultura, de 0,26 a 0,13; bovino de leite, de 0,20 a 0,16; bovino de carne extensivo, de 0,13 a 0,09; bovino de cría extensivo, de 0,26 a 0,18; cunicultura, de 0,13 a 0,07; ovino e caprino de carne extensivo, de 0,13 a 0,09; ovino e caprino de leite extensivo, de 0,26 a 0,18; porcino de carne extensivo, de 0,13 a 0,09 e porcino de cría extensivo, de 0,26 a 0,18. 

A maior parte destas minoracións establécense para dar resposta á seca que afectou a grandes áreas da Península Ibérica, reducíndose o módulo das producións gandeiras extensivas para compensar a redución da dispoñibilidade de pastos. Tamén no ámbito da gandería, redúcense a nivel nacional os módulos de bovino de leite e a cunicultura, para ter en conta a súa particular situación de mercado. 

No referente aos cultivos, segundo a Orde, reduciuse a nivel nacional o módulo dos cereais e as leguminosas, con obxecto de ter conta os efectos da seca. Igualmente redúcese o índice a nivel nacional en modulo do cultivo da pataca e da froita de óso, para ter en conta as dificultades de mercado que atravesan. 

A redución de módulos tamén ten en conta os efectos da seca sobre outros cultivos, con amplas rebaixas en cítricos, oliveiral, uva, oleaginosas e forraxes en amplas zonas. 

Os efectos doutras adversidades climáticas sobre os cultivos en 2017, como a onda de frío de xaneiro, os episodios de calor extrema que se sucederon no verán e os de precipitacións intensas que puntualmente tiveron lugar ao longo do ano, tamén se ven reflectidos na proposta de redución de módulos para aqueles municipios en que a adversidade en cuestión tivo incidencia. 

Neste contexto, a Orde HFP/1159/2017, de 28 de novembro, xa establecía na súa Disposición adicional quinta unha redución do módulo do arroz para as declaracións de 2017 e seguintes, cuxo índice pasou de 0,37 a 0,32.

REBAIXA DA BASE IMPOÑIBLE DE 580 MILLÓNS. A partir da información fiscal e agraria dispoñible, estímase que o conxunto de todas estas reducións de módulos pode implicar, con respecto a un ano sen reducións, unha rebaixa da base impoñible da orde de 580 millóns de euros. 

Doutra banda, a Orde HAP/2222/2014, de 27 de novembro, introduciu con carácter permanente un coeficiente corrector que poden seguir aplicando os agricultores que utilicen electricidade para a rega sobre o rendemento neto dos cultivos regados, e que supón unha redución dun 20% do mesmo. 

O Goberno adoptou esta medida, xunto coa exención parcial do 85% do Imposto sobre a Electricidade para os regadores, co obxectivo de compensar o efecto sobre os regadores da subida das tarifas eléctricas do verán de 2013. 

Estas medidas permiten dar cumprimento ao compromiso do Goberno ao equiparar ao colectivo regador co resto dos sectores económicos, no que se refire a impacto da subida de custos eléctricos. 

Finalmente, a Orde HFP/1823/2016, de 25 de novembro, que desenvolve para o ano 2017 o método de estimación obxectiva do IRPF e o réxime especial simplificado do Iva, establece na súa disposición adicional primeira unha redución dun 5% do rendemento neto calculado polo método de estimación obxectiva para 2017. 

Comentarios