Os grandes morosos galegos recortan a súa débeda coa Axencia Tributaria

Son preto de 200 e Facenda reclamáballes máis de 570 millóns de euros a peche de 2019, o 4% dos 14.200 millóns que recolle a lista de debedor no conxunto de España
Delegación de la Agencia Tributaria. AEP
photo_camera Delegación da Axencia Tributaria. AEP

Por sexto ano consecutivo, a Axencia Tributaria (Aeat) puxo este mércores nome aos maiores debedores de España. A peche de 2019, había 3.930 empresarios e compañías que tiñan sen saldar contas con Facenda por máis de 1 millón de euros. Os incumplidores son un 2,4% menos que en 2018 e, en conxunto, o fisco reclámalles 14.200 millóns, un 0,7% máis. Entre persoas físicas e xurídicas, o buraco con selo galego supera os 572 millóns, unha cifra que recolle un recorte duns 36 millóns nun ano e que se corresponde coas contas pendentes duns 191 contribuíntes. No cómputo incluíronse tanto as firmas radicadas en Galicia (identificadas pola súa CIF), como grupos que, a pesar de ter sede fóra, como a antiga Clesa -que en 2011 entrou en concurso estando en mans dos Ruiz Mateos- e Martinsa-Fadesa, teñen orixe galega. En conxunto, os grandes morosos da comunidade son os responsables do 4% do roto causado ao erario público.

Impulsado polo exministro Cristóbal Montoro como medida disuasoria e como un revulsivo para cumprir coas obrigacións fiscais, na listaxe seguen tendo gran peso construtoras e inmobiliarias. De feito, á cabeza segue estando Martinsa-Fadesa, que protagonizou o que no seu día foi o maior concurso de acredores da historia de España. A construtora que Manuel Jove vendeu a Fernando Martín en 2006 reduciu nun 46% o seu pasivo, ata os 27 millóns, co avance do proceso de liquidación.

A segunda no ranking é a Compañía Galega de Licores, unha firma ancorada en San Cibrao das Viñas que se viu envolvida nun xuízo por fraude por irregularidades co Iva e os impostos especiais do alcol. A Aeat segue reclamándolle 22,1 millóns, a mesma contía que en 2018. No podio tamén figura Acerías As Pontes, unha siderúrxica que segue tendo pendentes de pago 21,5 millóns.

Si saldou parte das súas débedas Mavieira, unha sociedade que formou parte do armazón de empresas da promotora compostelá Mahía, que chegou a ser unha das maiores construtoras galegas. A súa factura pasou de 30,7 a 11,4 millóns ao termo de 2019.

No rastrexo das 76 páxinas do rexistro da Aeat, seguen figurando firmas como Sodesco (ligada ao expresidente de Pescanova Manuel Fernández de Sousa, con 9,5 millóns); a antiga Clesa de Nova Rumasa (6,6); a santiaguesa Blusens Technology (5,7); Hedonai Estética Integral (4,9), a extinta Bricoking (1,8) e Ferros Añón (1,5). Tamén repiten téxtiles como Caramelo (1,98 millóns) e a firma que impulsase a deseñadora Kina Fernández, Volvoreta (1,6).

Entre as persoas físicas, a maior carga é a do que fose presidente de Banesto e fundador de Sociedade Civil e Democracia, o tudense Mario Conde, ao que se atribúe un pasivo de 8,37 millóns.

Comentarios