Grupo Calvo incorporará un atuneiro conxelador á súa flota en 2020

O buque construirase no estaleiro galego Freire, en Vigo

Astilleros Freire, en Vigo. GOOGLE MAPS
photo_camera Estaleiros Freire, en Vigo. GOOGLE MAPS

Grupo Calvo iniciou a renovación da súa flota coa incorporación en 2020 dun atuneiro conxelador que construirá o estaleiro galego Construcciones Navales Paulino Freire de Vigo e que terá 1.500 metros cúbicos de capacidade. O novo buque, que contará coa certificación APR (Atún Pesca Responsable), faenará baixo bandeira española e suporá o inicio dun ambicioso proxecto de renovación da flota que a compañía levará a cabo nos próximos anos.

O obxectivo é substituír os barcos máis antigos por outros máis modernos e eficientes, co fin de garantir a súa capacidade de subministración de materia prima de calidade de forma sostible, informa a empresa este luns nun comunicado. O atuneiro terá 77 metros de eslora total, un arqueo bruto de 1.973 GT e 3.392 kW de potencia, e está deseñado para cumprir os máis altos criterios de eficiencia enerxética.

"A subministración de atún de forma eficiente e responsable é un aspecto crítico do noso negocio. Dispor de flota propia permítenos non só garantir a subministración de produto de calidade senón tamén ser parte activa en asegurar a sustentabilidade da materia prima", explica a empresa. Ademais, a construción deste barco en Galicia e por unha empresa galega é para Calvo "unha mostra do noso compromiso co desenvolvemento da economía e a sociedade da rexión que nos viu nacer fai máis de 75 anos".

Grupo Calvo conta cunha flota propia de 12 embarcacións, das que dúas son buques mercantes, tres de apoio e sete atuneiros.

Comentarios