Ignacio Bueno será o novo director da planta viguesa de PSA

O novo director da planta de Balaídos tomará as rendas da fábrica xusto despois do acordo entre dirección e comité para a aplicación dun ERTE

Centro de PSA, en Vigo.AEP
photo_camera Centro de PSA, en Vigo.AEP

Ignacio Bueno será o novo director da planta de PSA Peugeot Citroën en Vigo, en substitución de Fréderic Puech. 

O novo director da planta de Balaídos tomará as rendas da fábrica xusto despois do acordo entre dirección e comité (referendado unicamente polo sindicato maioritario, SIT, e por UXT) para a aplicación dun ERTE debido á baixa produtividade actual do sistema M1, que monta os Peugeot 301 e os C- Elysée. Así mesmo, a planta está de cheo inmersa nos preparativos para o lanzamento do seu novo proxecto, o V20 ( todocamino, que terá a súa versión eléctrica). 

Este enxeñeiro zaragozano de 52 anos empezou a súa carreira profesional na planta de Zaragoza en 1991, como Enxeñeiro de Proceso na nave de Carrocerías. Desde entón desempeñou diversos cargos nesta fábrica, e ten unha extensa carreira internacional como coordinador de Formación Industrial en Eisenach (Alemaña), director de Montaxe e Ensamblaxe en Ellesmere Port (Reino Unido), director de Manufacturas en Fort Wayne (Estados Unidos) e, desde xullo de 2017, é o director de Estratexia, Planificación e Apoio a Manufacturas para Opel/ Vauxhall en Rüsselsheim.