A inflación anual avanza ata o 1,1% en febreiro pola alza dos carburantes

Interrompe a tendencia decreciente iniciada en novembro pasado

Un surtidor de gasolina. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera Reposición nunha gasolineira. AEP

O índice de prezos de consumo (IPC) rexistrou en febreiro unha subida anual do 1,1 %, unha décima máis respecto da inflación interanual de xaneiro, debido fundamentalmente á evolución dos prezos dos carburantes. Segundo a información adiantada este xoves polo Instituto Nacional de Estadística (INE), que deberá ratificarse o próximo 13 de marzo, a aceleración dunha décima da inflación anual débese á subida dos carburantes no último ano, fronte á baixada rexistrada o ano anterior.

A evolución mensual mostra que os prezos de consumo recuperáronse o 0,2 % durante este mes, unha décima máis que en febreiro de 2018, e despois de que en xaneiro pasado caesen un 1,3 % en gran parte debido á campaña das rebaixas. Desta forma, a inflación interanual interrompe a tendencia decreciente iniciada en novembro pasado, cando se moderou seis décimas nun só mes (do 2,3 ao 1,7 %).

Desde entón seguiu moderando o seu ritmo de crecemento ata o 1 % de xaneiro, o seu nivel máis baixo nun ano. A variación anual do indicador adiantado o índice de prezos de consumo harmonizado (IPCA) —que mide a evolución dos prezos co mesmo método en todos os países da zona euro—, foi tamén do 1,1 %, unha décima máis que o mes anterior.

O IPCA de febreiro tamén coincide coa medición xeral que fai o Ine da evolución dos prezos dos bens e servizos de consumo adquiridos polos fogares españois, ao mostrar un incremento dos prezos do 0,2 % neste segundo mes do ano. 

Comentarios