Juan Sánchez-Calero relevará a Borja Prado na presidencia de Endesa

É un dos expertos españois máis recoñecidos en Dereito Mercantil no ámbito nacional e internacional 

Juan Sánchez-Calero. EP
photo_camera Juan Sánchez-Calero. EP

O consello de administración de Endesa propuxo o nomeamento de Juan Sánchez-Calero como novo conselleiro independente na próxima xunta xeral de accionistas, como paso previo ao seu máis que previsible nomeamento como novo presidente da enerxética, relevando así no cargo a Borja Prado, que deixará o posto logo de dez anos á fronte da empresa. 

Sánchez-Calero, catedrático de Dereito Mercantil pola Facultade de Dereito da Universidade Complutense de Madrid, está considerado como un dos expertos españois máis recoñecidos en Dereito Mercantil no ámbito nacional e internacional —especialmente en dereito mercantil societario, mercados financeiros e bo goberno corporativo—. Así mesmo, forma parte, entre outros, dos consellos de dirección, redacción ou científicos de Thomson Reuters Aranzadi, Revista del Derecho de Sociedades, Revista de Derecho Bancario y Bursátil, Revista de Derecho Mercantil, Revista General de Jurisprudencia y Legislación oU Rassegna Giuridica dell'Energia Elettrica. 

Será nomeado conselleiro na xunta xeral de accionistas do 12 de abril e, posteriormente, será designado presidente da compañía

En concreto, o órgano reitor da compañía propuxo o nomeamento de Juan Sánchez-Calero Guilarte como conselleiro independente da empresa, informou a compañía á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV).  Agora Sánchez-Calero deberá ser nomeado conselleiro na próxima xunta xeral de accionistas do próximo 12 de abril e, posteriormente, nomeado presidente da compañía.

Sánchez-Calero será un presidente non executivo en Endesa, ao contrario que ata agora era Prado. O poder executivo na compañía recaerá así na súa totalidade sobre o actual conselleiro delegado, José Bogas, que foi renovado no seu cargo o pasado ano. O pasado 19 de febreiro, xa se anunciou a substitución de Prado na presidencia de Endesa, logo de case unha década á fronte da compañía, na próxima xunta de accionistas da eléctrica. 

O poder executivo da compañía recaerá na súa totalidade sobre o actual conselleiro delegado, José Bogas

A italiana Enel, máximo accionista de Endesa cun 70,1% do seu capital, informou o consello de administración da compañía da súa intención de propor unha adaptación da normativa interna á limitación, por razóns de bo goberno corporativo, do período máximo en que unha persoa pode exercer o cargo do presidente da eléctrica española. Esta modificación supuña así a proposta de non reelección de Borja Prado como presidente de Endesa. 

Comentarios