A Bolsa rebota con forza ata o 1,05% e recupera os 8.300 puntos

Ás 9.15 horas deste xoves, o Ibex anotaba unha alza do 1,05% ► O mercado nacional consegue saír así dos mínimos de xullo de 2013 que marcou este mércores, cando se esborrallou máis do 3% por China e a caída do prezo do cru

A Bolsa española mantén un importante rebote do 1,05% poucos minutos logo de iniciar unha sesión na que consegue saír dos mínimos de xullo de 2013 que marcou este mércores (8.281,40 puntos), cando se esborrallou máis do 3% afectada por China e a caída do prezo do cru.

Así, ás 9.15 horas, a Bolsa española anótase unha alza do 1,05%, ata situarse nos 8.368,90 puntos, a pesar de que as perdas acumuladas nos primeiros días do ano se sitúan no 12,15%.

Do mesmo xeito que a Bolsa española, o resto de prazas europeas, que este mércores tamén rexistraron importantes perdas, comezaron a xornada con ganancias; París sobe o 0,17%; Milán, o 1,76%; Frankfurt, o 0,25% e Londres, o 0,53%.

A Bolsa española apúntase ás ganancias a pesar das caídas que un día máis rexistraron prazas asiáticas como Shanghái, o principal indicador dos mercados chineses, que perdeu máis do 3%.

En China, onde se manteñen as dúbidas pola economía do país, o seu banco central, o Banco Popular de China, inxectou este xoves 400.000 millóns de yuans (56.000 millóns de euros) no sistema financeiro, na súa terceira introdución de liquidez consecutiva desta semana.

Pola súa banda, o barril de petróleo Brent segue á baixa e comezou o día en 27,68 dólares.

A pesar dunha nova caída do prezo do cru e das bolsas asiáticas, o mercado nacional cotiza á alza, co que consegue saír dos mínimos que marcou este mércores (xullo de 2013) na que foi a súa peor sesión desde o pasado 21 de decembro, ao caer un 3,20%.

Os investidores estarán este xoves atentos a unha nova reunión do Banco Central Europeo (BCE), que podería deixar a porta aberta a novas medidas de estímulo.

Ademais, neste escenario de mercados tan convulsos, no que a prima de risco sobe a 135 puntos básicos, o Tesouro español volve apelar aos mercados na que será a súa segunda poxa da semana.

Nesta ocasión, o Tesouro espera captar entre 3.500 e 4.500 millóns de euros en bonos a tres anos e obrigacións a quince anos.

De volta ao Ibex 35, case todos os grandes valores cotizan á alza; Santander sobe o 1,44%; Telefónica, o 1,24%; Repsol, o 1,30%; Santander, o 0,94%; BBVA, o 0,86%; mentres que Iberdrola cae o 0,37%.

Técnicas Reunidas é a cotizada do Ibex 35 que máis sobe, o 3,93%; seguida de Indra, o 3,59%, e Mediaset, o 2,84%.

No lado contrario só se sitúan tres compañías, encabezadas por Gamesa, que se deixa o 1,22%.

Comentarios