Lugo ten os alugueres máis baratos de España: 336 euros ao mes

Un estudio de Fomento sitúa a Madrid como la más cara, con 819 euros

O prezo do aluguer en España alcanza unha media de 674 euros ao mes, aínda que existen grandes diferenzas por provincias, que van desde os 819 euros de Madrid e os 769 euros de Barcelona aos 336 euros ao mes de Lugo, segundo o Observatorio de Vivenda e Chan publicado este xoves polo Ministerio de Fomento. 

Este informe inclúe por primeira vez datos sobre os depósitos de fianza das comunidades autónomas, é dicir, sobre a cantidade que abona o inquilino en concepto de fianza polo aluguer dun piso e que equivale a un mes de arrendamento. Segundo Fomento, iso permite ofrecer unha aproximación á renda media do aluguer e a superficie media da vivenda. 

Os datos recollidos por Fomento constatan que o aluguer é lixeiramente máis barato que o que reflicten habitualmente as estatísticas dos portais inmobiliarios Fotocasa e Idealista. 

En concreto, de acordo cos datos de fianzas autonómicas, o prezo medio dun aluguer en España, para un piso de case 96 metros cadrados, é de 8,1 euros por metro cadrado, fronte aos 8,3 euros do prezo medio de oferta de Fotocasa e os 10,4 euros de Idealista. 

Segundo o Observatorio de Fomento, Madrid, Barcelona e Guipúzcoa son as provincias máis caras para alugar unha vivenda, cun custo medio de 819, 769 e 730 euros mensuais, respectivamente. 

No informe recóllense datos de dez comunidades autónomas e das cidades autónomas de Ceuta e Melilla. Fomento constata neste informe que Madrid, Cataluña, País Vasco e Baleares son as comunidades autónomas onde máis caro resulta alugar unha vivenda, mentres que Galicia e Castela e León son as máis baratas. 

Se se analizan os datos en función do custo medio do aluguer por metro cadrado, a provincia máis cara é Guipúzcoa, con 11 euros por metro cadrado, seguida de Madrid (10,7 euros), Barcelona (9,6 euros) e Biscaia (8,7 euros). 

Pola contra, os prezos de aluguer máis baixos por metro cadrado atópanse en Lugo (3,5 euros de media), Teruel (4 euros por metro cadrado), Ourense (4,1 euros), León (4,2 euros) e Soria e Castelló (4,3 euros por metro cadrado).

Máis de 700.000 novos fogares en aluguer 
Segundo o Observatorio, desde principios de ano hai máis de 700.000 novos fogares en aluguer ou cesión en España. No conxunto de España, o peso do aluguer alcanza o 23,9%, taxa que supera en máis de 3,5 puntos a de 2011, cando se situaba no 20,4%. 

Por comunidades, as que teñen unha maior porcentaxe de vivendas en aluguer son Canarias (34,5%), Baleares (34,1%), Cataluña (30,4%) e Madrid (26,6%), ademais da cidade autónoma de Ceuta (27,6%), incluíndo aluguer a prezo de mercado, a prezo inferior a mercado e a cesión gratuíta. 

Por idades, Fomento destaca que o 39,3% das persoas de 30 a 44 anos que se emanciparon residen en aluguer (25,7% en 2007), mentres que entre os mozos menores de 30 anos esta porcentaxe elévase ata o 70,4%, moi por encima do 41,9% de 2007. 

Segundo Fomento, a análise dos inmobles en arrendamento (incluídos en declaracións IRPF 2017) evidencia ademais que o aluguer se produce en maior medida en edificios de maior antigüidade, maioritariamente de vivenda colectiva, e en vivendas de menor tamaño. 

O Ministerio insistiu este xoves na necesidade de avanzar na existencia dunha fonte de información oficial, como o sistema estatal de índices de referencia do prezo do aluguer de vivenda previsto no Real Decreto-lei 7/2019, de 1 de marzo, de medidas urxentes en materia de vivenda e aluguer. 

Comentarios