Máis de 45.000 traballadores de Galicia están afectados por un Erte

Unhas 8.300 empresas solicitaron xa o procedemento, aínda que se espera que as cifras aumenten nos próximos días
Erte
photo_camera Tenda pechada. EP

Polo menos 45.440 traballadores de 8.276 empresas en Galicia están afectados por unha solicitude de Erte, un procedemento que permite suspender de forma temporal contratos aos traballadores ou reducir a xornada laboral debido á pandemia de coronavirus, informaron a Efe fontes da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Un total de 15.651 traballadores son de 3.171 empresas con sede na provincia da Coruña e outros 15.536 son de  2.732 sociedades radicadas na de Pontevedra. Ademais, hai 4.281 traballadores de 1.055 empresas da provincia de Ourense e 3.726 de 1.058 entidades da de Lugo.

A iso hai que sumar outros 5.509 empregados de 251 firmas de ámbito autonómico e 773 traballadores de oito firmas estatais, segundo datos da Xunta.

As cifras poderían previsiblemente aumentar aínda nos próximos días debido aos problemas económicos de moitas empresas para facer fronte aos gastos, a consecuencia das medidas adoptadas polo Goberno central para frear a expansión do contaxio polo coronavirus.

O Goberno central anunciou decidiu axilizar os trámites nun prazo de sete días para responder á elevada demanda de procedementos Erte (Expedientes de Regulación Temporal de Emprego) e que todos os traballadores afectados teñan dereito a percibir a prestación contributiva por desemprego e ese tempo consumido de paro non conte como gastado.

O Executivo central prevé ademais exonerar ás empresas da parte da cotización, a de continxencias comúns, que teñen que pagar durante o período en que haxa traballadores afectados por un Erte co fin de que non despidan aos empregados.

Comentarios