¿Menos moeda miúda?: as de un e dous céntimos poderían desaparecer

Bruxelas sopesa eliminar esas pezas e harmonizar o redondeo de prezos
Monedas. XESÚS PONTE
photo_camera Moedas. XESÚS PONTE

A Comisión Europea (CE) analizará como se utilizan as moedas de un e dous céntimos de euro para decidir se propón suprimir o seu uso e harmonizar o modo en que se redondean os prezos nos Vinte e oito. A iniciativa figura no programa de traballo do Executivo comunitario para 2020 presentado este mércores e está prevista para o último trimestre do ano, previa consulta coas partes implicadas, incluídos os estados membro.

"Propoñemos unha avaliación sobre como se usan estas moedas e consultas con todas as partes, así que non hai unha decisión final ou proposta para suprimir ou abolir o uso das moedas de un e dous céntimos", dixo o vicepresidente da Comisión Maros Sefcovic ao presentar o calendario. De momento, Bruxelas quere estudar o seu uso e asegurar que existen regras comúns para o redondeo dos prezos, que agora se efectúa de forma diferente en cada país.

O redondeo da suma a pagar en caixa foi obrigatorio en Finlandia desde 2002, mentres que en Holanda aprobouse en 2004. En 2014 Bélxica introduciu o redondeo voluntario, Irlanda fíxoo en 2015 e Italia en 2017, deixando incluso de acuñar esas moedas.

Atendendo a un informe elaborado pola Comisión en 2018, en moitos casos o custo de producir estas moedas supera o valor das mesmas. O texto apunta, ademais, que nos países que introduciron o redondeo non se detectou un aumento dos prezos para os consumidores. Ademais, un eurobarómetro mostrou en 2017 que o 64% dos europeos estaría a favor de abolir as moedas de un e dous céntimos.

Sefcovic insistiu en que Bruxelas non tomou unha decisión final e en que "consultará amplamente con todas as partes, incluídos os estados, antes de tomar calquera decisión".

Comentarios