Merkel e Macron proporán un fondo de 500.000 millóns para reconstruír Europa

A líder alemá asegura que sería a "resposta curta" á pandemia, á que seguiría outra "longa"
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Merkel fala coa prensa tras a videoconferencia con Macron. EFE

O presidente francés, Emmanuel Macron, e a chanceler alemá, Angela Merkel, proporán a creación dun fondo europeo de 500.000 millóns de euros para a reconstrución, a destinar aos países máis castigados pola pandemia.

A líder alemá anunciou esta proposta, como iniciativa conxunta do eixo franco-alemán, ao termo dunha reunión virtual mantida co presidente francés.

Merkel asegurou que esta é unha "resposta curta" á crise exposta pola pandemia, á que seguirá unha "resposta longa" para afrontar as consecuencias a máis longo prazo, e recoñeceu que hai países da Unión Europea máis afectados que outros.

"Todo ten que facerse dentro das regras orzamentarias" da Unión Europea, advertiu a chanceler, quen agregou que a aplicación das medidas futuras no ámbito do combate das consecuencias da pandemia poderá requirir, ademais, unha reforma dos Tratados comunitarios.

"Temos que actuar de xeito europeo", declarou a chanceler, quen alertou de que as circunstancias actuais "pon en perigo a unidade" da UE.

O obxectivo, insistiu, é que da crise actual salga unha Unión Europea "forte e unida", e engadiu que o fondo proposto este luns é unha cantidade inicial para contrarrestar as consecuencias da pandemia nun primeiro momento, pero que o seu alcance será maior. 

Comentarios