Nace a primeira xestora de fondos de capital privado galega

Noso Capital inxectará recursos para a expansión das pemes industriais e prevé pechar este ano a súa primeira operación coa posta en marcha dun fondo de 20 millóns de euros a investir en tres anos. Entre os seus socios fundadores está o exconselleiro de Industria e presidente de Dairylac, Antonio Couceiro

Cuatro de los cinco socios fundadores de Noso Capital.EP
photo_camera Catro dos cinco socios fundadores de Noso Capital.EP

Co foco posto en máis de 500 pemes galegas que facturan entre 5 e 50 millóns de euros inicia a súa andaina Noso Capital, a primeira xestora de fondos de capital privado constituída na comunidade. Incubada no seo do Club Financeiro de Santiago, a entidade, que acaba de recibir a preceptiva autorización da CNMV, aspira a erixirse nunha alternativa "complementaria" ao financiamento bancario e orientará os seus proxectos a pilotar a substitución xeracional e a profesionalización na xestión das empresas familiares, ademais de facilitar recursos para abordar a expansión e a implantación da industria 4.0.

"En Galicia hai moi boas empresas que ven perigar a súa continuidade por falta de crédito; proxectos de alta potencialidade e internacionalizables que non teñen resposta co financiamento clásico", explicou este mércores en Santiago Tomás Pérez Moreno, un dos cinco socios fundadores e conselleiro delegado (CEO) de Noso Capital. 

A xestora de fondos nace para complementar o financiamento bancario 

A idea é constituír un primeiro fondo dotado de 20 millóns de euros —a investir en tres anos— co que a xestora estará en condicións de acometer a súa primeira operación antes de que acabe o ano, segundo referiu o CEO, que foi conselleiro delegado da planta láctea de Melide Dairylac entre agosto de 2015 e marzo de 2017. Ao seu xuízo, este novo instrumento virá suplir a "desatención" das industrias da comunidade por parte das grandes xestoras de fondos de Madrid, Valencia, Cataluña e País Vasco. 

Entre as potencialidades de Noso Capital, Pérez destacou o carácter "multidisciplinar" do comité de investimentos, integrado por expertos en xestión, finanzas, mercadotecnia e vendas, dirección de persoas, innovación, dixitalización e industria 4.0, entre outros aspectos. A maiores, cada operación será sometida á consideración dun comité de expertos, a modo dunha dobre garantía para os investidores. Deste órgano formarán parte, entre outros, o presidente da Asociación de Empresarios Galegos en Madrid, Julio Lage, cunha dilatada experiencia en banca. 

EXCONSELLEIRO DE INDUSTRIA. Pola súa banda, Antonio Couceiro, que ademais de socio fundador é o responsable de estratexia corporativa, incidiu na necesidade de profesionalizar a xestión das pemes nun país no que apenas un 12% dispón dun plan de dixitalización. Couceiro —que foi director xeneral de Begano e foi conselleiro de Industria con Manuel Fraga e presidente da Autoridade Portuaria da Coruña— avanzou que identificaron "máis de 500 pemes industriais en Galicia que facturan entre 5 e 50 millóns de euros", unhas características polas que estarían no radio de acción de Noso Capital. O actual presidente de Dairylac e da sociedade de garantía recíproca Afigal detallou que  os recursos que inxecten nos proxectos terán vocación de capital "desenvolvemento".

Confiado en que Noso Capital representará "unha opción moi atractiva" para os family office —as plataformas de investimento dedicadas a xestionar patrimonios familiares— que queiran "diversificar" as súas carteiras apostando polo desenvolvemento da "economía real", Couceiro avanzou que o primeiro fundraising (proceso de captación de recursos) executarase a partir de setembro. "A idea é que os diñeiros de aquí axuden a crear riqueza aquí, traballo e contribúan a vertebrar o rural", recalcou, pola súa banda, Tomás Pérez.

Noso Capital representará unha opción "moi atractiva" para os family office que queiran "diversificar as súas carteiras" apostando polo desenvolvemento da economía real

O billete medio (investimento) será de 4 millóns, aínda que todo dependerá das características do proxecto, como expuxo Vicente Espert, socio fundador e director financeiro, que expuxo que entre os obxectivos está brindar unha rendibilidade mínima anual do 8% ao accionista. A cambio do investimento, o fondo tomará unha participación maioritaria ou minoritaria con control na peme, con vocación de coller "o temón e xestionar" durante uns anos para impulsar o seu tamaño e competitividade. "O noso compromiso é a longo prazo, non somos un fondo especulativo", remarcou. 

Pola súa banda, Daniel Prieto, que tamén é socio fundador e director xeral de Soltec Enxeñeiros, indicou que "máis de 200 enxeñeiros estarán a disposición de Noso Capital" para impulsar a transformación dixital do tecido industrial e fomentar un incremento da produtividade das pemes do orde dun 20%. 

Comentarios