Nace un ron 'made in Galicia' con auga das Rías Baixas

Os creadores da xenebra Nordés lanzan unha bebida con materia prima do Caribe e o Atlántico  macerada en barricas de Albariño
photo_camera Presentación do ron Burla Negra. EP

Os creadores da afamada xenebra Nordés estrean nova bebida. Trátase dun ron que mestura augardentes elaborados a partir de cana de azucre procedentes do Caribe con auga da Atlántico recollida nas Rías Baixas, preto das Cíes, un ingrediente que lle achega certo sabor salino.

O resultado é Burla Negra, un ron que se macera en barricas utilizadas previamente para producir Albariño. Galician Orixinal Drinks, a empresa impulsada polo adegueiro chantadino Juan Luís Méndez (xerente de Vía Romana), o director do Instituto Galego do Viño, Xoán Cannas, e o mestre destilador Pepe Albela, presentou este mércores en Vigo o novo ron, que chegará o día 24 aos locais de hostalería galegos para dar o salto despois ao mercado nacional e, máis tarde, ao internacional.

A bebida trata de emular a que bebían os piratas nas súas singraduras entre Europa e América. De aí a esencia atlántica, pois estes enchían de auga de mar os barrís nos que almacenaban bebida nos seus barcos cando se acababa para que actuasen como lastres. Ao volver enchelos, o ron obtiña un matiz salino. Na procura de sabor, o mestre destilador de Galician Orixinal Drinks, Pepe Albela, optou por barricas dunha pipa para o envellecemento, que eran as usadas hai séculos con licores producidos para exportar a países situados alén do mar.

Outros produtos da empresa, como Nordés, están presentes en máis de 20 países. En 2015, os socios fundadores venderon a marca a Osborne, que despois entrou no seu capital.

Comentarios