Nueva Pescanova disparou beneficios nun 2018 no que investiu 41 millóns

O grupo facturou 1.008 millóns o ano pasado

Sede de Nueva Pescanova en Chapela. AEP
photo_camera Sede de Nova Pescanova en Chapela. AEP

Nueva Pescanova pechou 2018 cun beneficio neto de 5,4 millóns de euros, o que supón disparar as súas ganancias con respecto aos apenas 300.000 euros de 2017 e afastarse das perdas de 2016. Este repunte produciuse nun contexto no que a multinacional levou a cabo diversas operacións de desinversión en negocios relacionados coa fabricación de fariñas (Hasenosa), penso e servizos marítimos en África.

O grupo pilotado por un pool bancario, co Sabadell e Abanca como principais accionistas, facturou 1.008 millóns en 2018, un 1% máis con respecto ás vendas do exercicio anterior.

A firma pesqueira con sede en Chapela investiu 41 millóns de euros, unha parte dos cales se dirixiu a ampliar a súa participación (do 15 ao 45%) na firma procesadora de lagostinos Abad Overseas. Tamén creou xunto á empresa Kabuki unha nova firma (chamada Katei Alimentación) para elaborar comida xaponesa para diferentes cadeas de supermercados e de restauración en España, un proxecto que inclúe a posta en marcha de tres fábricas en Canarias, Andalucía e Castela e León e que xerará "ao redor de 300 empregos", segundo os seus cálculos.

O grupo galego emprega a máis de 11.000 persoas e comercializa os seus produtos en máis de 80 países

Así mesmo, Nova Pescanova abordou a compra da sociedade comercial Unickfish en Sudáfrica e iniciou a construción dos novos barcos que renovarán parte da flota do Grupo: tres para a pesca de pescada en Namibia e catro para o lagostino en Mozambique.

Outra das iniciativas que arrincou en 2018 foi a construción dun centro de I+D+i especializado en acuicultura no Grove, segundo destacou a compañía no seu informe de resultados.

O grupo galego emprega a máis de 11.000 persoas e comercializa os seus produtos en máis de 80 países, de acordo cos seus datos. 

Comentarios