Nueva Pescanova incorpora dous conselleiros e aproba as contas de 2018

O grupo, que amplía o seu consello, superou os mil millóns de facturación e rexistrou beneficios por segundo exercicio consecutivo

Junta general de socios de Nueva Pescanova. NUEVA PESCANOVA
photo_camera Xunta xeral de socios de Nueva Pescanova celebrada este mércores. NUEVA PESCANOVA

A xunta xeral de socios de Nueva Pescanova aprobou este mércores as contas da compañía correspondentes ao exercicio de 2018 e nomeou dous novos conselleiros a proposta de Abanca, entidade que é a accionista maioritaria na multinacional pesqueira.

Segundo informou o grupo nun comunicado, pechou o ano pasado cunha facturación de algo máis de mil millóns de euros e aumentou nun 1% a venda de produtos do mar. Así, o resultado neto do exercicio 2018 foi de 5,4 millóns, 5,1 máis que en 2017 e 41 por encima do rexistrado en 2016. 

O presidente do grupo Nova Pescanova, Jacobo González-Robatto, destacou que, por segundo ano, a pesqueira mantense "na senda do crecemento" e volve obter beneficios. "Logramos, primeiro, sanear e ordenar, logo equilibrar, e agora estamos nunha posición na que nos podemos encamiñar decididamente a crecer", dixo.

A xunta de socios aprobou a ampliación do número de membros do consello de administración, que pasa de 10 a 12, coa incorporación dos dous novos conselleiros a proposta de Abanca. Son José María Benavent Valero e Marco Nieto Montero, en representación de Corporación Empresarial e Financeira de Galicia.

INVESTIMENTOS. O grupo rexistrou en 2018 investimentos que alcanzaron os 41 millóns de euros, destinados, entre outras accións, á constitución da empresa Katei Alimentación (de elaboración de comida asiática para canles retail e food service de toda España), a ampliación de participación na india Abad Overseas ou a adquisición da sociedade Unickfish

Así mesmo, avanzou na renovación de parte da súa flota e está previsto que en xullo se entregue o buque Lalandii para Namibia, e que se bote o primeiro dos que se están construíndo para a filial de Mozambique. 

A empresa asegura, ademais, que se están finalizando as obras do Pescanova Biomarine Center no Grove, que será "un dos maiores centros de I+D+i de acuicultura de Europa" e cuxa inauguración se prevé para principios de 2020. 

Comentarios