O Observatorio Eólico propón cambiar o canon para mellorar o impacto económico no rural

Estima que concellos e propietarios de terras eólicas recibiron en 2017 un 5% da facturación total estimada pola venda de enerxía
Parque eólico.EP
photo_camera Parque eólico.EP

O Observatorio Eólico de Galicia defende que os parques deben mellorar o medio rural galego e para iso propón, entre outras medidas, cambiar o canon eólico galego para que se cobre por potencia instalada do parque e non polo número de aeroxeradores. 

Así o recollen no seu informe Impacto económico da enerxía eólica no medio rural galego: contexto, cambios e oportunidades, presentado este mércores na Coruña. O estudo estima o impacto que a enerxía eólica tivo nas zonas rurais de Galicia nas últimas décadas. "A enerxía eólica é unha especie de petróleo en Galicia", dixo, en rolda de prensa, o presidente da Fundación Juana de Veiga, Enrique Sáez.

28 MILLÓNS. Nun contexto de cambios recentes na contorna eólica galega, o informe estima a cantidade total de impactos económicos directos resultantes da implantación eólica para os axentes do mundo rural. "No ano 2017 os concellos e os propietarios das terras eólicas recibiron 28 millóns de euros, que representa ao redor do 5% da facturación total estimada pola venda de enerxía procedente de parques eólicos", explicou Xavier Simón, director do OEGA e profesor da Universidade de Vigo, que xunto ás fundacións Juana de Veiga e Isla Couto puxo en marcha esta iniciativa. 

"Queremos un novo modelo eólico que mellore a calidade de vida no rural", dixo Simón

O Observatorio Eólico de Galicia considera que estes alugueres poderían ser máis altos sen comprometer o proceso de transición enerxética. Neste sentido, sinalan dous tipos de medidas: as que non requirirían cambios regulatorios e as que requirirían cambios lexislativos previos. Para conseguilo, desde o observatorio avogan por cambios normativos que permitan unha maior participación dos afectados nos diferentes procesos de posta en marcha de novos complexos eólicos. 

"Queremos un novo modelo eólico que mellore a calidade de vida no rural", dixo Simón, quen enumerou as diferentes propostas formuladas por este organismo e que agora se recollen no estudo.

REPARTO DE INGRESOS. Entre as súas medidas, destaca un "incremento das taxas municipais" de certos concellos vinculados coa actividade eólica (ICIO, IBI, IAE). Tamén solicita, unha repartición da totalidade dos ingresos recadados polo canon eólico, e non só unha parte como se fai ata agora; ademais de apostar por avanzar na definición e aposta da Xunta por un contrato-tipo. 

O observatorio tamén realiza unha serie de propostas que suporían unha modificación normativa, e entre as que destaca a petición de cambiar o canon eólico para que se cobre por potencia instalada do parque e non polo número de aeroxeradores. Iso permitiría "substituír moitos pequenos aeroxeradores por grandes" que produzan máis megawatts. Ademais, o director do observatorio expón que o Goberno autonómico reparta en maior medida cos concellos para "incrementar a capacidade de transformación do medio rural".

Con todo, o Observatorio Eólico de Galicia considera necesario avanzar nunha nova gobernanza do sector eólico en Galicia con "máis dose de xustiza enerxética" para incentivar un cambio na dirección actual do mundo rural. 

Comentarios