Ollo ás présas coa declaración da renda para sacar todo o mollo

Os inspectores de Facenda aconsellan decatarse das deducións autonómicas e non pasar por alto o que debemos incluír no borrador para evitar multas
Un oficina de la Agencia Tributaria. ARCHIVO
photo_camera Un oficina de la Agencia Tributaria. ARCHIVO

A campaña da renda de 2019 estreouse este mércores con colapso na web da Axencia Tributaria e máis de 820.000 declaracións presentadas ao final da tarde, un 37% máis que o ano pasado. Cos cidadáns obrigados a estar en casa polo confinamento e a urxencia de ver na conta o diñeiro das devolucións, moitos contribuíntes lanzáronse a confirmar o borrador o primeiro día, algo que os técnicos do Ministerio de Facenda (Gestha) desaconsellan facer sen revisar ben antes todos os datos, circunstancias e posibles deducións. A recomendación é non precipitarse e darlle a aceptar nada máis descargar o borrador porque poida que non se lle saque todo o mollo polas présas ou que se cometan erros que aboquen a multa.

Hai que estar atentos para facer constar os cambios na situación familiar, como estado civil, defunción e, sobre todo, nacementos, xa que abren a porta a deducións en Galicia, do mesmo xeito que a adopción, o acollemento ou o feito de ser familia numerosa. Tamén as situacións de discapacidade tanto persoais como no fogar, se se convive con maiores de 65 anos nesa situación.

Gestha pide acelerar as devolucións, adiantar o servizo telefónico, ampliar a campaña e a quen toque pagar axilizar a declaración

Tampouco hai que esquecer que a Xunta contempla unha desgravación por aluguer para mozos de ata 35 anos con contratos posteriores ao 1 de xaneiro de 2003 e que depositen a fianza no Instituto Galego da Vivenda e Solo. Así mesmo, son deducibles os gastos para rehabilitar inmobles situados en centros históricos; para dotar de internet unha vivenda e os investimentos en cooperativas e sociedades agrarias. Ademais, o Goberno galego premia a quen se fan accionistas de novas empresas ou invisten en firmas que cotizan no MAB.

Os expertos recordan que as prestacións de maternidade e paternidade están exentas de tributar no IRPF. Tamén que hai que incluír os incentivos recibidos para a compra dun coche ou reforma dunha vivenda, deducilas cotas sindicais e de colexios profesionais, neste último caso a adhesión é obrigatoria para traballar e ata un límite de 500 euros anuais; as cantidades recuperadas por claúsulas chan nas hipotecas; os intereses bancarios que xeren premios de lotería da Once ou Cruz Vermella. E chaman a atención sobre que as achegas a partidos políticos e as doazóns desgravan.

En canto ás novidades, son poucas. Destaca que o mínimo exento de declarar polos rendementos do traballo sobe de 12.634 euros anuais da 14.000 cando proceden de máis dun pagador. O tope mantense en 22.000 se é só un ou, en caso de ser varios, os do segundo e ulteriores non superen os 1.500 euros. Gestha pide acelerar as devolucións e estender a campaña máis aló do 30 de xuño polo Covid-19.

Comentarios