¿Onde sae máis rendible comprar pisos para alugar?

Lugo é a capital de provincia galega onde arrendar unha vivenda reporta aos propietarios o maior rendemento: un 5,4%
Escaparate dunha inmobiliaria en Pontevedra. DP
photo_camera Escaparate dunha inmobiliaria en Pontevedra. DP

Adquirir vivendas para despois polas en aluguer segue reportando aos propietarios rendementos moi superiores aos que ofrecen outras alternativas de aforro. De feito, na actualidade a súa rendibilidade en Galicia multiplica ata por 27 a que brindan os bonos do Estado a dez anos ou o interese que se pode sacar nun banco colocando o diñeiro en depósitos a prazos de máis de dous anos, que en agosto se remuneraban ao 0,20% de media. ¿E en que capital de provincia galega pódese obter o maior retorno se se decide comprar un piso para logo arrendalo? En Lugo.

É o que se desprende dun informe elaborado polo portal inmobiliario Idealista con datos relativos ao terceiro trimestre. O estudo di que ao cabo dun ano a renda dun aluguer na cidade reporta ao dono o 5,4% do custo do inmoble, sen contar gastos correntes como a contratación dun seguro, a comunidade ou o pago do imposto de bens inmobles. Cerca sitúase Ourense, onde sacar unha propiedade ao mercado do aluguer tradúcese nunha rendibilidade do 5,3%. Séguenlle Pontevedra (4,8) e A Coruña (4,3%).

Esta última é unha das capitais de provincia de toda España co retorno menos atractivo, xunto con San Sebastián (3,7%). Están moi lonxe da taxa de Lleida (8,1%), o territorio de España onde os propietarios de vivenda sacan maior rédito do seu arrendamento. A media do país situouse no terceiro trimestre no 7,9%, tres décimas menos que entre abril e xuño, en pleno confinamento. Un axuste á baixa nas rendas aos inquilinos tras a detonación da pandemia poden explicar esa evolución. En Lugo, en cambio, a rendibilidade que ofrece o aluguer aumentou lixeiramente entre a primavera e o verán e pechou setembro nun nivel superior ao dun ano antes (5%).

LOCAIS E GARAXES. Nunha contorna de baixas tipos, o mercado da vivenda espertou o interese de investidores nacionais e estranxeiros, pero non é a única alternativa no segmento inmobiliario. Os locais comerciais ofrecían rendibilidades por aluguer moi superiores ás dun piso ou unha casa no terceiro trimestre. Entre as capitais de provincia galegas, de novo Lugo sitúase á cabeza, cun retorno do 9,1%, moi preto da media de España. Isto é: o propietario recupera nun ano nove de cada cen euros investidos na compra do local. En Pontevedra a taxa é do 8,5% e séguenlle Ourense (7,8) e A Coruña (7,3%).

Outra opción de investimento —máis accesible para aforradores— son os garaxes, aínda que en Galicia o rendemento que reportan é moi inferior ao dos inmobles comerciais e, nalgúns casos, ao que ofrece a vivenda. Oscila entre o 3,5% e o 5,4% en función da urbe, valores afastados da rendibilidade media en España (8,4%). Iso si, é unha alternativa máis sinxela, que non preciso financiamento e leva menos gastos.

Comentarios