O operador Euskaltel ficha a exconselleira Mato como conselleira independente

O grupo aspira a aproveitar o seu "coñecemento do tecido empresarial e institucional". Os accionistas votarán en setembro a proposta
Beatriz Mato. AEP
photo_camera Beatriz Mato. AEP

O consello de administración do Grupo Euskaltel, que integrou o operador galego de telecomunicacións R en 2015, propuxo este martes por unanimidade nomear como nova conselleira independente á que fora conselleira de Traballo e Benestar e logo de Medio Ambiente entre os anos 2009 e 2018, Beatriz Mato (Baracaldo, 1965). Nun comunicado, o grupo vasco destacou que a fichaxe "supón un claro reforzo do perfil galego do grupo e da marca R en Galicia".

Enxeñeira industrial, Mato foi portavoz do PP no Concello da Coruña tras deixar a Xunta e ata que a finais de 2019 decidiu deixar a política para retomar a súa carreira profesional.  Desde febreiro ocupa o cargo de directora de Desenvolvemento Corporativo e Responsabilidade Social Corporativa da firma coruñesa de renovables Greenalia.

Este martes, Euskaltel explicou que a proposta do consello deberá pasar o filtro da xunta xeral extraordinaria de accionistas, que se celebrará o 29 de setembro.

O grupo defende que o nomeamento chega "nun momento crucial", pois a compañía aprobou o seu plan estratéxico para os próximos cinco anos e iniciou o seu expansión ao mercado nacional da man de Virgin Telco, O reto é duplicar a facturación de aquí a 2025, triplicando a base de clientes.

Neste marco, Euskaltel aspira a aproveitar "a gran experiencia e coñecemento do tecido empresarial e institucional" da comunidade galega que atesoura Mato para "contribuír a reforzar o arraigamento de R neste mercado". Enxeñeira industrial especializada en organización empresarial pola Escola Superior de Enxeñeiros Industriais de Bilbao e Máster MBA de Dirección e Administración de Empresas pola Escola de Negocios da Universidade da Coruña, Mato ten o certificado de bo goberno de sociedades polo Instituto de Conselleiros e Administradores e é membro da Asociación Española de Conselleiras.

ANA GARCÍA FAU. Xunto a Mato, o consello tamén propuxo fichar como conselleira independente a Ana García Fau, presidenta non executiva da compañía de renovables portuguesa Finerge; conselleira independente de DLA Piper; presidenta das comisións de auditoría de Merlin Properties e Globalvia e conselleira de Gestamp Automoción e Eutelsat.

Con estas dúas incorporacións, o operador de telecomunicacións vasco sostén que adopta "os modelos máis avanzados na adecuación das normas de bo goberno corporativo", ao alcanzar unha composición paritaria cun 40% de mulleres e de conselleiros independentes no seu consello. Por outra banda, o órgano tamén propuxo reducir o seu número de membros para pasar de once a dez compoñentes. Se o próximo 29 de setembro a xunta de accionistas dá luz verde aos cambios, o consello quedará conformado por catro vogais dominicais, outros tantos independentes, un conselleiro externo —o presidente non executivo, Xabier Iturbe— e un executivo, o CEO, José Miguel García Fernández.

Comentarios