domingo. 15.12.2019 |
El tiempo
domingo. 15.12.2019
El tiempo

A paga extra de Nadal deixará no peto de pensións só 1.400 millóns

A ministra de Traballo, Magdalena Valerio. ZIPI
A ministra de Traballo, Magdalena Valerio. ZIPI
A Seguridade Social cubrirá os 19.500 millóns de euros da prestación ordinaria e a extra de decembro co fondo de reserva, un crédito e a mellora de ingresos por cotizacións

O Fondo de Reserva, o coñecido como peto das pensións, verá reducidos os seus recursos a uns ínfimos 1.444 millóns de euros en decembro en canto a Seguridade Social dispoña dos ata 3.598,20 millóns que podería requirir para abonar a paga extra de Nadal aos 8,8 millóns de pensionistas, dos cales 678.373 son galegos. Nun escenario no que a nómina mensual supera xa os 9.700 millóns, o instituto público afronta o próximo mes unha factura próxima aos 19.292 millóns, isto é, unha contía que equivale case ao dobre do orzamento que a Xunta manexou para financiar os salarios e os servizos públicos en todo 2019. 

Na súa primeira reunión tras as eleccións do pasado domingo, o Consello de Ministros autorizou este venres a retirada de diñeiro do Fondo de Reserva —que a estas alturas conta cuns 5.043 millóns, moi lonxe dos 66.815 millóns que chegou a acumular en 2011—, aínda que en rolda de prensa a ministra de Traballo, Magdalena Valerio, mostrouse confiada en que, finalmente, abonde con retirar 3.000 millóns. Creado no ano 2000, o maltreito peto nutriuse co superávit da Seguridade Social nos anos de bonanza, coa idea de que os recursos servisen para cubrir os déficits de ingresos en etapas de crises. 

A regulación do Fondo de Reserva impide retirar máis do 3% do gasto que entraña pagar as pensións contributivas nun ano

¿De que outros instrumentos tirará o Goberno para pagar os 9,76 millóns de pensións? O Executivo de Pedro Sánchez aprobou este venres un real decreto co que prevé unha ampliación do crédito outorgado polo Tesouro á Seguridade Social con cargo á previsión de maiores ingresos sobre o previsto nos orzamentos prorrogados de 2018. A idea é que o Estado inxecte 600 millóns, que se suman á transferencia prevista de 1.331,9 millóns. Valerio incidiu en que esta manobra permite "reorientar o transatlántico da Seguridade Social" e asegurou que a ampliación do crédito é posible porque o crecemento económico permitiu emitir unha menor cantidade de débeda, a intereses máis baixos e con prazos de amortización máis prolongados. 

Ademais, o esforzo vese lixeiramente aliviado polo incremento dos ingresos por cotizacións derivado da subida do salario mínimo ata os 900 euros, da actualización das bases de cotización e da creación do emprego. A consecuencia é que os ingresos crecen a un ritmo do 8%, fronte ao 7,5% previsto, o que suporía uns 618 millóns máis dos 123.584 que o frustrado proxecto de orzamentos para 2019. Dado que as contas en vigor seguen sendo as de 2018, o departamento que dirixe Valerio calcula un plus de ingresos da orde de 8.000 millóns. A ministra tamén incidiu en que a folla de ruta de hai dous anos tampouco comprendía na previsión de gasto o desembolso extra que supuxo volver revalorizar este ano as pagas nun 1,6% con carácter xeral e nun 3% no caso das pensións mínimas.

A paga extra de Nadal deixará no peto de pensións só 1.400 millóns
Comentarios