O paro baixa en xuño en Galicia en 6.631 persoas ata 170.065 desempregados

En termos interanuais, o paro baixou en Galicia no último ano en 19.600 persoas, un 10,33%

Oficina de emprego. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera Oficina do servizo público de emprego. PEPE FERRÍN (AGN)

O número de persoas apuntadas nas oficinas de emprego en Galicia no mes de xuño descendeu en 6.631 persoas, un 3,75 por cento, o que deixa o número total de persoas desempregadas na comunidade en 170.065 persoas, segundo os datos divulgados este martes polo Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social. En termos interanuais, o paro baixou en Galicia no último ano en 19.600 persoas, un 10,33 por cento. 

No conxunto de España o número de persoas apuntadas aos servizos de emprego en xuño descendeu en 89.968 persoas, un 2,77 por cento, ata as 3.162.162 persoas desempregadas; mentres que no último ano o paro baixou en 200.649 persoas, un 5,97 por cento. 

Por provincias, o paro baixou máis en xuño en Pontevedra respecto ao mes de maio, con 3.341 persoas paradas menos, un 4,83 por cento; mentres que en termos interanuais o maior descenso produciuse en Lugo en termos relativos, cun 12,61 por cento de desempregados menos. Por sexos, o paro segue afectando máis ás mulleres, con 98.260 desempregadas fronte a 71.805 homes en paro. 

Por sectores, o paro descendeu sobre todo no sector servizos, con 4.682 persoas desempregadas menos en xuño; a este sector séguenlle a construción, con 702 parados menos, a industria, con 573 e o colectivo sen emprego anterior, con 436 desempregados menos. En agricultura a baixada foi de 238 persoas. 

En canto á contratación, en xuño asináronse 103.670 contratos en Galicia, o que supón 7.481 máis que o mes anterior, un 7,78 por cento 57 contratos máis que hai un ano, un 0,06 por cento; cunha tendencia á baixa no conxunto de España. Dos 103.670 contratos asinados en Galicia en xuño 95.387 foron temporais, o 92%; mentres que o resto, 8.263 foron indefinidos, o 8 por cento.

Comentarios