Pedro Fernández: "Zendal gañou prestixio internacional como fabricante de vacinas"

O lucense preside o grupo biofarmacéutico do Porriño elixido por Novavax para producir a inmunización contra o covid-19 para Europa. Membro da saga dos Fernández López, que creou referentes como Zeltia, Frigsa ou Pescanova, destaca a "visión de futuro" da súa familia
Pedro Fernández Puentes, presidente de Grupo Zendal.EP
photo_camera Pedro Fernández Puentes, presidente de Grupo Zendal. EP

Nunha crise sanitaria na que o mundo conta as horas para que a vacina contra o covid-19 complete o seu desenvolvemento, o porriñés Grupo Zendal cobrou protagonismo ao ser elixido pola farmacéutica estadounidense Novavax para producir a inmunización para a Unión Europea.

Ademais, en outubro a Coalición para as Innovacións en Preparación ante Epidemias (Cepi) confiou na compañía galega para encomendarlle a fabricación de máis de medio millón de doses das vacinas contra o coronavirus seleccionadas por esta alianza global para distribuír na UE. O prestixio da biotecnológica, que hai 12 anos creou a súa división de vacinas humanas, Biofabri, foi en aumento desde que en 2010 se aliou coa Universidade de Zaragoza no desenvolvemento da inmunización española contra a tuberculose

Pedro Fernández Puentes (Lugo, 1939) está tras esta compañía cuxas raíces se remontan ata Zeltia, a química e farmacéutica que fundaron os irmáns Fernández López en 1939 para —nos seus inicios— extraer insulina do páncreas dos porcos que sacrificaban nos matadoiros da familia, obter vitaminas doutros subprodutos animais e explotar o fungo cornezuelo do centeo para o seu uso en obstetricia. Ademais de presidir o Grupo Zendal, é o vicepresidente de PharmaMar, a biofarmacéutica que preside o seu curmán, José María Fernández Sousa-Faro. 

Licenciado en Ciencias Químicas pola Universidade de Santiago, Fernández Puentes viviu en Lugo ata que, unha vez concluída a súa formación académica, trasladouse á comarca de Vigo. "Aquí estiven traballando no grupo Zeltia ata hoxe", relata o empresario que, mirando atrás, afirma non recordar en que momento tivo clara a súa vocación científica. "Xa non me acordo de cando e por que o decidín, pero creo que acertei", ironiza nunha entrevista concedida a AGN.

Pedro Fernández Puentes (Lugo, 1939) está tras o Grupo Zendal, cuxas raíces se remontan ata Zeltia, a química e farmacéutica que fundaron os irmáns Fernández López en 1939

Con 300 traballadores e unha facturación de máis de 44 millóns en 2019, a expansión da biotecnolóxica que lidera xunto ao seu fillo e conselleiro delegado, Andrés Fernández, reflicte o seu bo facer. "Zendal foi gañando prestixio internacional como fabricante de vacinas e iso fixo que Novavax e outras empresas nos contacten para estes mesteres. O feito de que esteamos autorizados para estas fabricacións axuda a estas colaboracións", expón o presidente ao ser preguntado polo que supón ser designados para producir en serie antíxenos contra o covid-19.

O presidente de Zendal é fillo de Antonio Fernández López, natural de Barreiros, en Sarria, e neto de Antonio Fernández Fernández, máis coñecido como Antón de Marcos, un emprendedor que se labrou un nome co comercio de gando na península a inicios do século XX. Precisamente, foi tras a súbita morte do patriarca nun accidente de tráfico en 1931 cando aos seus fillos, Antonio, José, Manuel e Concepción Fernández López, tocoulles facer a remuda. "Os catro actuaron xuntos na evolución dos negocios que herdaron e chegaron a crear un grupo importante de empresas punteiras. Eran bos empresarios con visión de futuro, como o tempo demostrou", reflexiona Pedro Fernández.

O presidente de Zendal é fillo de Antonio Fernández López, natural de Barreiros, en Sarria, e neto de Antonio Fernández Fernández, máis coñecido como Antón de Marcos, un emprendedor que se labrou un nome co comercio de gando na península a inicios do século XX

A súa é unha estirpe de emprendedores feitos a si mesmos que souberon conxugar o beneficio propio cun profundo sentido de país, que os levou a procurar a modernización da comunidade e a actuar como mecenas en prol da cultura galega en pleno franquismo. Zeltia, Antibióticos S.A., Frigsa, Cementos do Noroeste, Frigolouro, Titania, Transfesa, a Caixa de Aforros de Lugo e Pescanova, entre outros negocios, forman parte do seu legado.

"O meu pai foi unha persoa excepcional e a súa influencia en min sempre será un referente na miña forma de pensar", sinala Pedro Fernández, que relata que o seu proxenitor foi tamén "un gran defensor da cultura galega, da arte, o folclore e demais actividades que comprende esta actitude".

"O meu pai foi unha persoa excepcional e a súa influencia en min sempre será un referente na miña forma de pensar", sinala Pedro Fernández

MECENADO. Como constata o catedrático da USC, Xoán Carmona Badía, en De Lugo a Capetón: a traxectoria empresarial do grupo Fernández, "os Fernández non eran só as empresas, senón tamén Fingoi, un vangardista colexio lucense, ligado á realidade e ao idioma de Galicia en plena noite de pedra". O seu impulsor foi precisamente Antonio Fernández, que contratou como director a Ricardo Carballo Calero, represaliado polo réxime. O mecenado do pai de Pedro Fernández estendeuse á editorial Galaxia, a Fundación Penzol e a promoción da ampliación do Museo Provincial de Lugo.

Un alicerce da biotecnoloxía cun gran percorrido por diante
Creado en novembro de 2018 para agrupar a CZ Vaccines (antes CZ Veterinaria), Biofabri, Vetia, Petia Vet Health, Probisearch e Zinereo Pharma, o grupo Zendal exporta os seus produtos de saúde humana e animal a 65 países. O seu nome rende homenaxe a Isabel Zendal, a enfermeira que en 1803 partiu da Coruña na expedición Balmis para levar a vacina da viruela a América, China e Filipinas nos brazos de 22 nenos orfos. 
Pedro Fernández Pontes, presidente do Grupo Zendal.EP
O foco, nas vacinas contra virus e bacterias
Precisamente, é ao negocio de produción de vacinas para persoas e animais ao que o presidente augura "un futuro asegurado". "É moi probable que o interese nas vacinas para humanos se multiplique se os virus seguen atacando como parece que estamos a ver. Tamén son necesarias contra bacterias como tuberculose", constata. Entre os produtos para animais, destaca a vacina contra a lingua azul. 

A compra de Zelnova, a división de insecticidas
Ademais do seu labor en Zendal e Pharma Mar, Fernández preside Zelnova. En maio de 2019 comprou a firma do Porriño especializada en produtos de limpeza e insecticidas ao seu primo José María Fernández de Sousa. "Durante moitos anos fun presidente de Zelnova Zeltia. Coñezo ben a sociedade e considéroa un investimento interesante", relata o empresario. Pedro Fernández pilotou Cooper Zeltia desde 1971 ata a súa escisión en Zelnova e CZ Veterinaria (a matriz de Zendal) en 1993.

Comentarios