PharmaMar asina un acordo para a comercialización do seu antitumoral Yondelis en Canadá

O grupo de orixe galega recibirá un pago por adiantado e poderá recibir ingresos adicionais
José María Fernandez Sousa-Faro, presidente de Pharmamar. AEP
photo_camera José María Fernandez Sousa-Faro, presidente de Pharmamar. AEP

PharmaMar asinou un acordo de licenza con Valeo Pharma para a comercialización do composto antitumoral de orixe mariña Yondelis en Canadá, segundo informou este martes a compañía. En concreto, segundo os termos do acordo, a empresa —con raíces na galega Zeltia— recibirá un pago anticipado, non revelado, e poderá recibir ingresos adicionais, incluíndo pagos por fitos regulatorios. 

PharmaMar conservará os dereitos exclusivos de produción sobre o fármaco e venderao a Valeo Pharma para o seu uso comercial e clínico. Este novo acordo coñécese tras o anuncio o pasado 26 de agosto de 2019 do acordo alcanzado con Janssen Products, polo que PharmaMar recuperou os dereitos de comercialización do produto en máis de 40 países, anteriormente licenciados a Janssen, nos que Yondelis xa foi aprobado. 

O fármaco xa está dispoñible para pacientes en Canadá para o tratamento de sarcoma de tecidos brandos e cancro de ovario recorrente. O antigo licenciatario do produto, Janssen, continuará comercializando o produto en Canadá ata que as autorizacións de comercialización se transfiran formalmente a Valeo Pharma. 

"Estamos encantados de asociar Yondelis con Valeo para o mercado canadense. Consideramos que a infraestrutura e as capacidades internas de Valeo desempeñan un papel clave para axudarnos a maximizar o acceso a este medicamento único para o maior número posible de pacientes con sarcoma e pacientes con cancro de ovario de Canadá e esperamos unha asociación longa e mutuamente beneficiosa con Valeo", restal o presidente de PharmaMar, José María Fernández Sousa-Faro. 

Comentarios