PSA Vigo negociará un Ere temporal ante a baixa produción dunha das súas liñas

Poderían verse afectados uns 900 traballadores

Centro de PSA, en Vigo.AEP
photo_camera Centro de PSA, en Vigo.AEP

A dirección da planta de PSA en Vigo convocou este luns aos sindicatos para solicitarlles que designen aos seus representantes para negociar a aplicación dun expediente de regulación de emprego (Ere) temporal pola baixa produción dunha das súas liñas, a que ensambla os Peugeot 301 e o Citroën C-Elysee.

Fontes da empresa consultadas por Efe sinalaron que as negociacións do Ere comezarán no prazo dunha semana, e que se chegou a esta situación debido á persistencia da baixa demanda dos citados modelos nos países onde se comercializan, especialmente en Turquía, tras a depreciación da lira.

En principio poderíanse ver afectados uns 900 traballadores, 400 dos cales operarios específicos do sistema de produción 1, que en xullo deixou de fabricar as antigas Berlingo e Partner. Este sistema xa tivo varias xornadas de paro en outubro e ten programadas máis dunha decena este mes.

A dirección de PSA podería prolongar o Ere temporal ata que se empecen a producir nesa liña os V-20, os futuros todocamiño de Peugeot, no último trimestre de 2019. 

Comentarios