PSA Vigo ofrece 2.000 euros aos operarios que se trasladen á quenda de fin de semana

O expediente de regulación de emprego temporal que negocian empresa e sindicatos estará en vigor durante todo o ano 2019 e afectará a 400 operarios

Francisco Conde, con Carla Gohin, vicepresidenta de Investigación do grupo PSA, e con Frédéric Puech, director da factoría de Vigo. EP
photo_camera Francisco Conde, con Carla Gohin, vicepresidenta de Investigación do grupo PSA, e con Frédéric Puech, director da factoría de Vigo. EP

 
A dirección da planta viguesa de PSA Peugeot Citroën ofreceulles o pago dunha "compensación lineal" de 2.000 euros a aqueles operarios —con xornada completa no sistema 1— que de forma voluntaria acepten trasladarse á quenda de fin de semana. Esta formulación forma parte do paquete de medidas de mobilidade que puxo sobre a mesa a empresa, no marco da negociación dun expediente de regulación de emprego temporal (Erte), que estará en vigor durante todo o ano 2019 e afectará a uns 400 operarios, debido á baixa demanda dos modelos que se montan no sistema 1 de produción (Peugeot 301 e C-Elysée). 

Fontes da compañía explicaron que, ademais de expor o traslado voluntario de operarios da M1 á fin de semana co compromiso de que manterán os seus soldos —aínda que traballen menos días—, ofrecen tamén unha compensación económica de 2.000 euros. Por outra banda, as mesmas fontes informaron que se comprometeron a incrementar en 40 o número de contratos fixos que se farán este ano, até chegar aos 140 contratos indefinidos novos. 

Sindicatos e dirección da fábrica mantiveron varias reunións desde o pasado 12 de novembro para acordar as condicións de aplicación do Erte, así como as medidas de industrialización e de mobilidade que acompañarán ao expediente regulatorio.  Neste mércores a empresa recapitulou as súas propostas definitivas: unha regulación de emprego de 50 días —aplicable durante todo o ano que vén—; uns 400 operarios afectados, sobre todo do sistema 1, por ser o que ten máis casos de bolsa de horas no tope negativo máximo; redución a unha soa quenda de traballo no devandito sistema; recolocación de operarios no sistema 2 e na quenda de noite; e ofertas para a mobilidade voluntaria de traballadores á quenda de fin de semana. 

No transcurso destes dez días, a dirección de PSA Vigo tamén avanzou algunhas das previsións con respecto á produción do novo modelo —o 'todocamino' coñecido como proxecto V20—. Así, prevese a produción de pre-series para o mes de maio de 2019, e o lanzamento industrial co consecuente aumento de cadencia na produción para o terceiro trimestre dese ano.

A empresa avanzou que o sistema 1, que producirá este novo modelo, irá recuperando traballadores desde o outono do ano que vén, de maneira que terá tres quendas en xaneiro de 2020.  Por outra banda, tamén informou aos traballadores da súa previsión de adaptar o taller de baterías que hai na fábrica viguesa, de maneira que poida chegar a producir 10 baterías á hora, para abastecer a planta de Balaídos e o resto de fábricas do grupo en Europa. 

Xunta e PSA avalían os avances na transformación da automoción galega a través da innovación
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo unha reunión este mércores coa vicepresidenta de I+D e Enxeñería Avanzada do grupo PSA, Carla Gohin, e co director da planta de Vigo, Frèdèric Puech, para avaliar os avances na transformación que, a través da dixitalización e a innovación, están a producirse na industria da automoción galega.

Conselleiro e representantes do grupo automobilístico repasaron iniciativas que se están desenvolvendo nese ámbito, como a aceleradora de empresas Business Factory Auto; o proxecto para poñer en marcha unha planta piloto de 'fábrica intelixente' en Vigo; ou a participación de PSA nas unidades mixtas de investigación.

Comentarios