PSA vive unha xornada de folga para esixir solucións ante a sobrecarga de traballo

Esixen máis persoal ante o lanzamento de novos modelos

Paro en PSA. TWITTER (@Yolanda Díaz)
photo_camera Paro en PSA. TWITTER (\Yolanda Díaz)

A fábrica do Grupo PSA en Vigo vive este xoves unha xornada de folga por horas en cada un das tres quendas de talleres convocada por CIG, CCOO e UXT para esixir unha solución á situación de sobrecarga de traballo que, segundo denuncian, vén derivada polo lanzamento de novos modelos.

Hai convocados senllos paros das 12.00 ás 14.00 horas, de 14.00 a 16.00 horas e de 22.00 horas ata a medianoite.

Os sindicatos convocantes, cuxos delegados no comité de empresa protagonizaron un peche de cinco días na zona de oficinas da planta de Balaídos, alegan que levan meses demandando unha solución á dirección e que se viron forzados a incrementar a súa presión coa folga, que tamén apoia a CUT.

Así, a Central Unitaria de Traballadoras decidiu por maioría absoluta nunha asemblea cos seus afiliados adherirse á folga "con ánimo de que as persoas traballadoras poidan mostrar o seu descontento coas políticas de PSA Vigo". 

Fontes da empresa consultadas por Efe recalcaron que o proceso de negociación "segue aberto", pois de feito hai convocada unha reunión do comité reducido para o próximo día 24, e recordaron que o director da planta, Ignacio Bueno, propuxo adiantala se se desconvocaba a folga de mañá.

Desde os sindicatos convocantes recalcan que máis aló das palabras, necesitan "feitos" por parte da dirección, e resumo as súas esixencias nun compromiso por escrito da recuperación dos postos e a xeración dos necesarios para unhas "cargas asumibles" para os traballadores.

Pola súa banda, a deputada electa de En Común-Unidas Podemos pola provincia de Pontevedra, Yolanda Díaz, esixiu á fábrica coa que conta PSA Peugeot Citroën en Vigo que contrate a máis persoal e afirmou que a súa formación apoia os paros que realizarán este xoves os empregados para denunciar a sobrecarga de traballo. 

Comentarios