O queixo galego con selo: escaso peso no lácteo e hándicaps para gañar mercado

A Xunta quere permitir ás catro denominacións de orixe vender o produto en cuñas, lonchas ou outros formatos
undefined
photo_camera Proceso de fabricación de queixo. EP

Galicia pode presumir de ser o berce de catro dos 25 queixos con denominación de orixe protexida (DOP) que se elaboran en España e dos premios que xoias gastronómicas amparadas polos selos de calidade de Arzúa-Ulloa, Tetilla, San Simón da Costa ou Cebreiro cultivan nos máis prestixiosos certames a nivel internacional. Algúns deses queixos eran hai tres décadas un produto elaborado unicamente para autoconsumo e hoxe teñen presenza no mercado máis aló da fronteira galega cunha marca que a diferenza.

Con todo, case 30 anos despois de que se crease a primeira DO —a de Tetilla—, o peso da industria queixeira baixo o paraugas destes distintivos no sector lácteo segue sendo anecdótico e cústalle abrirse oco entre a competencia para gañar posicións nos estantes da gran distribución en España e noutros mercados, pois expórtase unha parte ínfima da produción, pouco máis do 1%.

As marcas de queixo de calidade diferenciada en Galicia apenas absorben o 1,8% do leite que sae das explotacións en todo un ano

Hai un dato que reflicte moi ben o papel que xogan as marcas de queixo de calidade diferenciada en Galicia e é que apenas absorben o 1,8% do leite que sae das explotacións en todo un ano. Dito doutra forma, as queixerías da catro DO só transforman a materia prima que se produce durante unha semana nas ganderías da comunidade. En Francia, por exemplo, empregan o 9% das entregas de leite. 

No caso das marcas galegas, a súa produción, en conxunto, tendeu a aumentar nos últimos anos, aínda que segue sendo inferior ás 6.000 toneladas que rozaban en 2010. Isto débese á forte caída que experimentou a DO Queixo Tetilla entre ese ano e 2013, un terreo perdido que non logrou recuperar este selo. O resto de distintivos si creceron, sobre todo o do Cebreiro, cun repunte da produción do 72% entre 2010 e 2018. Con todo, partía de volumes moi pequenos, de apenas 27 toneladas anuais, e alcanzou as 44.000. Só tres operadores pertencen a esta DO.

As catro denominacións de orixe de queixo galegas

Estes datos aparecen recompilados na estratexia galega de dinamización do lácteo deseñada pola Xunta, que fixa entre os retos a lograr de aquí a 2025 un aumento do peso das denominacións de orixe de queixo na transformación. Unha industria que esta folla de ruta define como "moi atomizada, de pequeno tamaño e cun baixo nivel de tecnificación". Con todo, destaca os investimentos realizados nos últimos anos por varios operadores como mostra de "interese" no sector.

A estratexia galega de dinamización do lácteo apunta a "unha notable marxe de mellora" no ámbito industrial e tamén na comercialización

O diagnóstico realizado conclúe que "hai unha notable marxe de mellora" no ámbito industrial e tamén na comercialización, á que non axudan as características do produto galego: fresco, de curta duración ou con trabas para viaxar. Queixos que se colgan medallas de ouro, prata ou bronce en certames a nivel mundial pertencen a denominacións de orixe que teñen unha cota de mercado que, no mellor dos casos, non pasa do 12% na distribución en España, fronte ao peso superior ao 50% de Queixo Manchego.

Unha desvantaxe é que as DO galegas non poden comercializar os seus queixos en porcións, loncheados ou raiados, como si ocorre co manchego, Idiazábal ou, fóra de España, co afamado Parmigiano Reggiano. A idea é modificar os pregos de condicións da DO para permitir novas presentacións.

Comentarios