Ryanair cancelará uns 200 voos en España por día de folga o 25 e 26 de xullo

Fomento fixa este venres os servizos mínimos

 

Un avión de Ryanair. EFE.
photo_camera Un avión de Ryanair. EFE.

O ministro de Fomento, José Luís Ábalos, afirmou este xoves que o seu departamento fixará este venres os servizos mínimos para a folga convocada polos tripulantes de cabina (TCP) de Ryanair para os próximos 25 e 26 de xullo. A compañía, pola súa banda, anunciou que cancelará uns 200 voos por día en España para esas xornadas.

As anulacións tratarán de corresponderse coas conexións con máis frecuencias, para que a recolocación de viaxeiros sexa máis sinxela. En Galicia, a empresa opera desde Lavacolla, en Santiago, e desde Peinador, en Vigo, polo que, aínda que aínda non dispón dunha listaxe en detalle dos voos que se verán cancelados eses dous días, miles de galegos poderían verse afectados. 

Como consecuencia deste paro, a aerolínea irlandesa cancelou ata 200 voos diarios que opera en España (24%), 50 dos que opera en Portugal (27%), 50 dos que opera en Bélxica (31%) e 300 dos que opera en toda Europa (12%). 

Preguntado por se periga a licenza de Ryanair en España, o ministro descartouno. "Esa é outra cuestión", respondeu. De feito, Fomento recordou este mércores que a cancelación de voos por parte da aerolínea é legal. Con todo, o ministerio advertiu de que velaría polo dereito dos viaxeiros e, en caso de incumprimento, iniciaría os correspondentes expedientes sancionadores á aerolínea presidida por Michael O'Leary.