O sector do metal en Galicia necesita con urxencia 1.200 traballadores

A patronal demanda un pacto de Estado para abaratar o "inasumible" custo enerxético

Enrique Mallón. AEP
photo_camera Enrique Mallón. AEP

O sector metalúrxico galego leva tempo avisando de que necesita persoal, e, a pesar da advertencia, séguenlle faltando mans. Tanto é así que asegura que precisa "con urxencia" uns 1.200 traballadores e que podería incorporar 3.000 en doce meses se contase con eses recursos humanos, ao redor de 2.100 na área de Vigo e unha parte importante no naval. E iso despois de que ampliar o persoal na primeira metade deste ano. Aos 64.500 ocupados cos que avanzou na remontada en 2017, sumou outros 600 entre xaneiro e xuño, atendendo aos datos divulgados onte pola a Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia (Asime).

"Fai falta máis persoal cualificado e non cualificado para que podamos formar. Moitas empresas poderían duplicar a súa produción se tivesen máis persoal", subliñou este luns o secretario xeral da patronal, Enrique Mallón, ao presentar os últimos números dun sector que abarca desde o naval e a automoción ata as estruturas metálicas ou a aeronáutica. E que concentra unha quinta parte do produto interior bruto Galego. A partir de aí, apuntou que se se creasen os 3.000 empregos asumibles a facturación do metal podería elevarse polo menos un 5%.

O secretario xeral de Asime apuntou que este sector "é atractivo" para os traballadores, polo seu nivel de formación e polas súas retribucións. Así, fixo fincapé en que os convenios sectoriais e privados do Metal "son os máis altos da industria galega", polo que fixo un chamamento aos traballadores novos e aos recentemente titulados para que busquen o seu futuro nestas empresas. 

Nesta liña, Mallón reclamou tamén un pacto nacional "pola formación" porque "non chega con 10, 15 ó 20 cursos", senón que "hai que dar facilidade" aos empresarios para que accedan a fondos para formar operarios cualificados. 

ENERXÍA.  Asime demandou este luns un pacto de Estado para abaratar o "inasumible" custo da enerxía, que lastra os resultados das empresas e impídelles competir con garantías. 

"Cremos que o custo da enerxía vai ser un obstáculo para o crecemento, está a prexudicar aos balances das empresas, e pon nerviosos a certos investidores", advertiu Mallón, quen recalcou que "un dos retos máis relevantes do Goberno é crear un ambiente adecuado" para a produción industrial. 

A ese respecto, o portavoz de Asime incidiu en que a enerxía supón actualmente máis do 20 por cento dos custos de produción das empresas, polo que é unha "tarefa pendente e urxente" pór fin a esta situación. "Débese facer un pacto estratéxico nacional para buscar un custo adecuado na produción industrial", aseverou. 

Así, urxiu un "pacto de Estado" e unha "reforma enerxética global" que pase "por potenciar o uso de enerxías renovables", xa que o custo enerxético para as empresas é "inasumible". 

Comentarios