O téxtil galego reséntese coa caída das exportacións na comunidade en marzo

Os expertos do Foro Económico de Galicia consideran que é o sector máis afectado pola crise
Traballadoras do sector téxtil galego. EP
photo_camera Traballadoras do sector téxtil galego. EP

A caída das exportacións en Galicia no mes de marzo deixa ao sector téxtil como "o máis afectado o impacto da covid-19", segundo o Foro Económico de Galicia (FEG). 

É a principal conclusión á que chegaron os expertos do Foro Económico de Galicia no informe elaborado baixo a coordinación do economista Albino Prada, que se centra no comportamento das exportacións galegas. 

No informe remitido aos medios, o Foro Económico advertiu de como o "shock do confinamento esnaquizou os resultados positivos do primeiro trimestre" na comunidade, sobre todo no sector téxtil. 

En concreto, alertou de que "o impacto da pandemia do coronavirus nos mercados de exportación foi máis intenso en Galicia que no conxunto de España neste primeiro trimestre de 2020". 

Todo iso, despois de dous primeiros meses do ano positivos, onde as exportacións galegas medraron "a un ritmo do dobre do anotado polo conxunto de España". 

Desde a entidade, atribuíron esta situación ao "impacto das medidas de confinamento e parálise de actividades nos mercados receptores no mes de marzo" que, segundo aseguran, afectaron "de forma máis grave" ás exportacións galegas que ao resto de España. 

Por sectores, o Foro destacou o "impacto directo e inmediato no sector da confección" e un "máis retardado en bens de consumo duradeiros como os da automoción"

A caída de exportacións deixa ao sector téxtil galego como "o máis afectado o impacto da Covid-19". 

Unha situación que consideran que "favoreceu o balance trimestral global que, aínda así, é peor para Galicia" que para o conxunto de España a pesar de que "durante os dous primeiros meses de 2020 as exportacións galegas creceron a un ritmo do dobre do anotado". 

No que respecta ao número de empresas exportadoras, o Foro fai un balance positivo neste trimestre que "permite recortar lixeiramente a enorme brecha que arrastramos neste indicador nos últimos dez anos".

Comentarios