Os traballadores de PSA en Vigo, expectantes ante a negociación da fusión con Fiat

Os sindicatos cren que a operación, que daría lugar ao cuarto maior fabricante de automóbiles do mundo, pode ter consecuencias positivas para o grupo pero temen o efecto sobre o emprego
Centro de PSA, en Vigo.AEP
photo_camera Centro de PSA, en Vigo.AEP

Os traballadores do grupo PSA en Vigo mantéñense expectantes ante a evolución que poidan tomar as conversas da directiva do grupo francés con Chrysler Fiat para unha fusión que consideran positiva para o grupo pero que os sindicatos —que xa viviron a adquisición de Opel por parte de PSA en 2017— temen polo emprego. Así as cousas, as centrais piden "cautela", pero mostran o seu temor a que a operación supoña o peche dalgunha fábrica. 

"Temos a confirmación das negociacións e, como o próximo 15 de novembro temos unha reunión do comité europeo do Grupo PSA, solicitamos que alí nos dean máis detalles", explicou a Efe Santiago García Cameselle, secretario xeral de CC.OO. na planta viguesa de PSA.

De momento, e ante a posibilidade de que a fusión se concrete, García Cameselle sinala varios aspectos positivos para o grupo, como a súa posible entrada no mercado estadounidense, aspiración máis fácil de concretar da man de Fiat.

Da mesma opinión é Víctor Mariño, representante da CUT, que fala de sinerxías na compra de materias primas, nos contratos con provedores para abaratar custos ou na unión de diferentes centros de investigación e desenvolvemento que multiplicarían a fortaleza dun grupo que se convertería, por vendas, no cuarto do mundo, xusto por diante de Geral Motors. 

A partir de aí, os temores céntranse no emprego. "Antes nós competiamos con Madrid e as fábricas francesas; agora competimos para a adquisición de modelos en Vigo con Figueruelas (Zaragoza), e hai que ser máis baratos, e máis eficientes, e sempre nos comparan con Figueruelas e a Figueruelas connosco", asegura García Cameselle.

O delegado de CC.OO. teme que esa competencia se poida volver extrema coa incorporación das fábricas que Fiat ten en Turquía, República Checa, Serbia ou India.

Os sindicatos, que aseguran que "algo se olían" pero que non o terminaban de crer, viviron este mércores unha xornada na que pola factoría correron os rumores da noticia desvelada por The Wall Street Journal, que fala da posible fusión dos dous xigantes. O resultado sería un dos maiores fabricantes automobilísticos do mundo, valorado nuns 50.000 millóns de dólares.

Comentarios