O TSXG avala que retornados con pensión de Alemaña non tributen polo IRPF

O alto tribunal galego reprende ao fisco por non ter en conta o seu criterio facendo un uso "innecesario" da Xustiza
Sede del TSXG. ARCHIVO
photo_camera Sede do TSXG. GOOGLE MAPS

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) asestou un novo pau á Axencia Tributaria (Aeat) ao insistir en que as pensións percibidas por emigrantes retornados de Alemaña están exentas de tributar polo IRPF en España, sempre que lles sexa de aplicación o Convenio Hispano-Alemán de 1966. Así o recolle unha sentencia do 11 de setembro na que o alto tribunal condena ao fisco a devolver os 8.413 euros reclamados por un galego que en 2017 solicitou a rectificación das declaracións que tivo que presentar polos exercicios 2009, 2010, 2011 e 2012. A maiores, os maxistrados tamén cargan á Aeat o pago dos intereses legais pertinentes e das costas do proceso. 

Facilitado polo bufete vigués Mardoc Gabinete-Jurídico, no fallo, o propio TSXG recalca que en "reiteradas" ocasións resolveu outros conflitos neste mesmo sentido. Por iso dispensa un tirón de orellas ao Tribunal Económico-Administrativo Rexional (Tear) ao deixar caer que sería de recibo que tivese en conta as resolucións dos maxistrados á hora de atender reclamacións similares. "Talvez con iso se evitarían litixios de idéntico contido e cun signo final previsible, evitando o uso innecesario dos recursos públicos e gastos aos contribuíntes", di a Sala do Contencioso Administrativo do TSXG, que preside o maxistrado José María Gómez y Díaz Castroverde. 

"Con esta xa son máis de 30 sentenzas este ano", destaca o despacho vigués Mardoc Gabinete-Jurídico

E é que en sucesivas sentenzas, os xuíces ratificaron a aplicación do mencionado convenio de 1966 para evitar a dobre imposición. Contra o criterio do fisco —que interpreta que o acordo establece que tributan en Alemaña as prestacións derivadas do desempeño dun "emprego público anterior"— o alto tribunal galego recalca que o convenio fai referencia á procedencia pública dos fondos cos que se abonan as pagas.

VARIOS FALLOS. "Con esta xa son máis de 30 sentenzas este ano", destaca o despacho vigués. Ata 2012, non existía un criterio homoxéneo en relación á obrigación ou non de declarar as pensións do estranxeiro. Pero ese ano, co país ao bordo do rescate, o Ministerio de Hacienda, entón pilotado por Cristóbal Montoro, enviou miles de cartas a pensionistas, instándoos a tributar no IRPF polas súas prestacións. Entón abriuse un período de condonación das multas, aínda que se obrigou a regularizar os catro exercicios fiscais non prescritos. 
 

Hacienda devolve o diñeiro aos afectados e evita recorrer ao Supremo
Aínda que o TSXG concede 30 días para interpoñer recurso de casación ante o Supremo (TS), Alejandro Lago, asesor xurídico da Plataforma de Emigrantes Retornados de Galicia, explica que, en canto a sentenza do alto tribunal galego é firme, a Axencia Tributaria "reintegra o cobrado indebidamente". ¿Por que renuncia a dar a batalla nos xulgados? "Porque de presentar recursos de casación, moi probablemente perderíaos e con dúas sentenzas do Supremo en contra crearíase xurisprudencia". Isto obrigaría á Aeat a devolver de oficio todo o que recadou sen razón.  

¿Que pasa coas pensións doutros países?
Lago incide en que "hai que estudar caso por caso", comprobando se España subscribiu un convenio bilateral e estudar o seu contido e a lei tributaria de cada Estado. "Na maioría dos supostos lógrase que os afectados recuperen o diñeiro", constata o letrado. 

Outra fronte con Hacienda
Tras recibir numerosos requirimentos, os retornados de Alemaña teñen outra fronte aberta para lograr que as cotizacións realizadas nese país para ter dereito á asistencia sanitaria en España sexan deducibles no IRPF.

Comentarios