UU AA denuncia que o colapso do 012 impide solicitar a axuda por danos de xabarís

O sindicato agrario asegura que, ao chamar ao teléfono para iniciar os trámites, son postos en espera ata que se cancela a chamada 
Destrozos de los jabalíes en una finca. ADP
photo_camera Desfeitas dos xabarís nunha leira. ADP

Unións Agrarias (UU AA) denunciou o colapso do teléfono de atención e información á cidadanía 012 que, segundo asegurou, impide que os afectados por danos de xabarís nos seus cultivos poidan solicitar as axudas correspondentes no prazo estipulado na normativa da Xunta.  A través dun comunicado, afirmou que os cidadáns que intentaron iniciar trámites administrativos observaron que o sistema os puxo en espera e que, tras transcorrer o tempo máximo, as chamadas canceláronse. Así, explicou que esta situación provocou que estas persoas tivesen que chamar de novo a este teléfono "sen resultado efectivo". 

Ademais, Unións Agrarias asegurou que o colapso do número de teléfono causou que os afectados por danos de fauna salvaxe que busquen solicitar indemnizacións á Xunta "non poidan iniciar a tramitación do expediente e finalice o prazo" para dar parte no 012, que, segundo a normativa, está limitado a 72 horas. Tras dar este aviso no 012, a través do número de teléfono, asígnanselles un número de expediente e unha visita de inspección de danos por parte de axentes mediambientais e iníciase o prazo de presentación da solicitude da axuda. 

Así as cousas, Unións Agrarias reclamou que o Goberno galego "solvente de modo inmediato as deficiencias do sistema de asistencia integrada á ciuadanía do 012". Tamén reclamou que "habilite un sistema alternativo de comunicación de danos que permita iniciar a tramitación das axudas para o pago dos danos do xabaril" dentro do prazo establecido. 

En concreto, a Orde do 23 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo xabaril en cultivos agrícolas conta cunha dotación de 2,8 millóns de euros para este ano. Esta contía sufraga en torno ao 20% dos danos que causa este animal na agricultura, que se estima que alcanzan os 15 millóns de euros en cada campaña de cultivos. 

Comentarios