A vella Pescanova dispárase en bolsa un 24 % tras os resultados da nova

Os títulos terminaron a xornada cun valor de 1,16 euros

Una de las plantas de Pescanova. SALVADOR SAS
photo_camera Una de las plantas de Pescanova. SALVADOR SAS

As accións de Pescanova SA, tamén coñecida como "Vella Pescanova", pecharon a sesión bolsista deste xoves cunha suba do 24 %, un movemento alcista que se produce despois de que o mércores Nova Pescanova presentase resultados positivos.

Os títulos da "Vella" terminaron o día en 1,16 euros -en contraste coa tendencia á baixa que se observaba desde que arrincase o exercicio 2018-, nunha xornada na que se moveron máis de 7 millóns de accións, unha cuarta parte do total existente no mercado.

De xaneiro a marzo, a compañía oscilou entre os 83 céntimos e os 1,28 euros.

A empresa, unha sociedade de carteira sen actividade produtiva cuxo principal activo é unha participación do 1,65 % no capital de Nova Pescanova, volveu cotizar a principios de xuño de 2017, logo de máis de catro anos suspendida polo regulador bolsista.

Durante as primeiras sesións, a acción foi presa da volatilidade e chegou a cotizar a un mínimo de 14 céntimos e a un máximo de 3,37 euros, para posteriormente dar síntomas dunha maior estabilidade.

A notable revalorización rexistrada este xoves prodúcese apenas un día despois de que a súa participada Nova Pescanova anunciase que volveu ter beneficios en 2017 (298.000 euros), un ano antes do previsto inicialmente, ademais de mellorar un 2 % as súas vendas (1.081 millóns) e un 18 % o seu Ebitda (80 millóns).

De feito, en 2016 tivo perdas superiores aos 35 millóns de euros.

Tanto a Nova como "a Vella" Pescanova son o resultado da partición en dúas do grupo realizada en 2015 como consecuencia do concurso de acredores de dous anos antes.