Villar Mir vende Ferroatlántica ao fondo estadounidense TPG por 170 millóns

A operación supón o traspaso de dez plantas hidroeléctricas situadas en Galicia e da fábrica de ferroaleacións Cee-Dumbría

Ferroatlántica. ARCHIVO
photo_camera Ferroatlántica. ARQUIVO

O Grupo Villar Mir vendeu Ferroatlántica ao fondo TPG Sixth Street Partners por 170 millóns de euros, segundo informou Ferroglobe, produtor de silicio metal e ferroaleacións participado ao 55% polo grupo no que se inclúe este negocio. A operación supón o traspaso de dez plantas hidroeléctricas cunha potencia de xeración de 167 megawatts (MW) e da fábrica de ferroaleacións Cee-Dumbría, activos todo eles situados en Galicia. 

A venda enmárcase na política de desinversións que a corporación empresarial de Juan Miguel Villar Mir está a levar a cabo para recortar a súa débeda, incluída a de 119 millóns que ten coa súa construtora participada OHL. En canto a esta venda, Villar Mir prevé pechala no terceiro trimestre deste ano, unha vez obteña a autorización da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) e a das autoridades rexionais. 

A pesar da transacción, Ferroatlántica seguirá vinculada a Ferroglobe tendo en conta que ambas subscribiron un acordo a longo prazo en virtude do cal a primeira será receptor dos produtos terminados da segunda. Como contraprestación, Ferroglobe comprométese a achegar a Ferroatlántica materias primas "clave".

COMPROMISO CON GALICIA. O conselleiro delegado de Ferroglobe, Pedro Larrea, indicou que a operación permite á empresa "mellorar significativamente o seu perfil financeiro mediante o desapalancamento e a mellora da liquidez". "Ao mesmo tempo, mantemos a nosa forte presenza no mercado das ferroaleacións e o noso compromiso con Galicia", engadiu o primeiro executivo da compañía do grupo Villar Mir.