A Xunta carga contra o Goberno central polo peche de Endesa As Pontes

O Executivo galego esixe "unha transición enerxética xusta e ordenada para a nosa industria"
Alfredo Conde en Portomarín. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Francisco Conde. VICTORIA RODRÍGUEZ

A Xunta lamentou este venres o posible peche da central térmica de Endesa nas Pontes criticou "o xeito de actuar dun Goberno socialista que toma decisións sen pensar nas consecuencias que teñen para Galicia en termos de actividade económica e emprego".

Fontes do Goberno autonómico sinalaron a Efe que insisten en pedir "unha transición enerxética xusta e ordenada para a nosa industria". "No caso das Pontes, xa advertiramos que eramos pesimistas", engadiron.

Na súa opinión, o Goberno debe reaccionar de inmediato, asumir a súa responsabilidade e tomar decisións "porque a súa transición enerxética non está a ser ordenada".

Deste xeito, indicaron que se atravesa "unha transición abrupta"; e que é necesario que o Goberno concrete solucións reais ante as incertezas que están a sufrir as 750 familias que dependen de Endesa.

Neste sentido, aludiron tanto a traballadores directos como empresas auxiliares e transportistas de carbón desde o porto exterior de Ferrol.

"Na Xunta seguimos esperando que a ministra para a Transición Ecolóxica fixe unha data para reunirse co Goberno galego", apuntaron desde a Administración autonómica. Así mesmo, subliñaron que se debe "tratar xunto aos sindicatos a situación actual da central".

Finalmente, o Executivo galego afeou que un "Goberno desconectado da realidade" se contropoña a unha Xunta que da "man dos traballadores" que "seguirá esixindo a identificación de medidas que garantan o futuro do sector enerxético".

Transición Ecolóxica convoca unha reunión
Tras coñecerse o anuncio, o Ministerio para a Transición Ecolóxica sinalou que segue con moita atención esta decisión e que a ministra en funcións, Teresa Ribera, convocou unha reunión para o vindeiro luns cos traballadores, os axentes locais e a empresa para coñecer de primeira man a situación, valorar escenarios e estudar os pasos a seguir.

 

O BNG urxe un plan a Xunta e Goberno
O BNG urxe ao Estado e á Xunta a que poñan en marcha un plan de futuro para As Pontes ante a intención de Endesa dun peche "inminente".

Respecto diso, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, avisou de que "non pode ser que tras anos facéndose de ouro agora a empresa peche as portas sen dar unha alternativa". 

"Se hoxe chegamos aquí deste xeito tan brusco é porque nin o Estado nin o Goberno da Xunta fixeron os deberes, a pesar de que sabían que esta situación se ía a producir e miraron para outro lado", lamenta. 

Comentarios