A Xunta propón rebaixar as peaxes e a fiscalidade ás empresas electrointensivas

O delegado do Goberno en Galicia pide  "tranquilidade" a empresas e traballadores porque "aínda se poden facer suxestións e propostas para mellorar" o borrador de estatuto

Entrada de alta tensión a la factoría de Alcoa. ÁLVEZ
photo_camera Entrada de alta tensión á factoría de Alcoa. ÁLVEZ

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, avanzou que a Xunta está en contacto coas empresas galegas para presentar alegacións ao borrador de estatuto de consumidores electrointensivos e propón como "elementos fundamentais" rebaixar as peaxes e a fiscalidade. En declaracións aos xornalistas previas á súa participación na xornada Industry Day na Coruña, detallou que traballará coas compañías do sector ata o próximo día 27 para acordar medidas que supoñan melloras e trasladalas ao Goberno para incluílas no documento, así como outras medidas de carácter lexislativo.

Ademais da redución de peaxes e fiscalidade, expón a certidumbre dos mecanismos de compensación de CO2 que non se contempla desde un punto de vista orzamentario, engade. 

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, pediu pola súa banda  "tranquilidade" ás empresas e traballadores ante o borrador do estatuto de consumidores electrointensivos publicado polo Executivo central, xa que "aínda se poden facer suxestións e propostas para mellorar" o texto inicial. O citado estatuto é unha das reivindicacións do sector e de empresas como a multinacional do aluminio Alcoa, que anunciou a súa intención de pechar as súas plantas da Coruña e Avilés e despedir a preto de setecentos traballadores.

Apelamos á vontade do Goberno para dar unha solución real tanto a Alcoa como ao resto de empresas electrointensivas

Segundo Conde, o Goberno está a pór a estas empresas no "peor escenario posible" e levándoas a unha "situación límite" porque este estatuto "non dá unha resposta integral" e "non establece marco estable que poida determinar un prezo que poña en igualdade de condicións ás empresas electrointensivas españolas co resto de Europa coas que temos que competir".

O estatuto está "cheo de incumprimentos" e non recolle as propostas que lles trasladaron desde a Xunta, e por iso cre que é necesaria a súa revisión con medidas de carácter lexislativo. "O Goberno ten a posibilidade de aprobar un decreto para dar resposta a esta situación" con medidas "perfectamente asumibles e contrastadas", insistiu.

Conde aposta pola implicación de todos os ministerios e considera que "non é suficiente" con que o de Industria impulse determinadas medidas, senón que tamén o de Transición Ecolóxica necesita asumir o liderado para tomar decisións desde o punto de vista do prezo eléctrico. O seu "inacción pon en risco 10.000 empregos, advertiu.

"Apelamos á vontade do Goberno para dar unha solución real tanto a Alcoa como ao resto de empresas electrointensivas", resolveu.

Comentarios