A Xunta propón rebaixas fiscais para abaratar a enerxía a industrias como Alcoa

Presenta a súa proposta de estatuto para as empresas electrointensivas e di que busca "tomar a iniciativa" para que haxa unha "reacción" do Goberno
Francisco Conde. DP
photo_camera Francisco Conde. DP

A proposta da Xunta para crear un estatuto para as empresas electrointensivas pasa por rebaixas fiscais e categorizar como "hiperintensivas" compañías como Alcoa co obxectivo de conseguir un prezo de electricidade que sexa "competitivo". Esas formulacións van na liña das alegacións presentadas o pasado mes de marzo polo Executivo galego ao Goberno central sobre o borrador do estatuto, tras ser acordadas con empresas electrointensivas. 

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, explicou este martes que con esta iniciativa o Executivo autonómico "toma a iniciativa" para buscar unha "reacción" do Goberno central. "Levamos un ano esperando por este estatuto de consumidores electrointensivos", critica. 

Entre as rebaixas fiscais atópase a supresión do imposto de xeración eléctrica e do céntimo verde, unha redución de cargos de peaxe de transporte, así como unha ampliación de créditos a axudas por compensación de custos de CO2. A isto débese unir unha poxa de interrumpibilidad que permita prezos estables ás empresas. 

Segundo a Xunta, estas medidas teñen como fin que as electrointensivas poidan "competir en igualdade de condicións" coas doutros países, coa meta de manter "o emprego e a actividade". Agora vanse a trasladar a todos "os grupos" para que "haxa unha fronte común por parte de partidos "ante o Goberno". "A Xunta tiña esa responsabilidade de atender as demandas dos traballadores e impulsar estas medidas para que haxa unha reacción", afirma Francisco Conde.

O Goberno galego remitirá a súa proposta aos partidos de Madrid

O presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzara unhas horas antes que a Xunta presentaría a súa proposta de estatuto para conseguir un prezo da luz "competitivo". Fontes da Xunta aseguraron a Europa Press que o Executivo autonómico dá este paso —e remitirá a súa proposta aos partidos de Madrid co fin de que sexa tida en conta polo próximo Executivo estatal— debido a que o Goberno de Pedro Sánchez non desvelou aínda o contido do borrador do estatuto, cuxa posta en marcha está comprometida para o momento no que se forme goberno. 

A intención é que o prezo da luz se sitúe nos parámetros previos a 2018. En concreto, a Xunta alude á necesidade de situarse na contorna de entre 35 e 40 euros o megawatt por hora, pois agora rolda os 50 euros. 

Comentarios