O grupo biofarmacéutico Zendal con sede en O Porriño, asume a presidencia de DATAlife, o Hub de Innovación Dixital (DIH) dos sectores primario, biotecnológico e saúde de Galicia con sede en Santiago.
A última asemblea de socios de DATAlife, celebrada este verán, acordou que a representación da presidencia do hub recaia en Pablo Álvarez Freire, adxunto á Dirección do Grupo Zendal. Pablo Álvarez Freire recolle a testemuña de Carme Pampín
Zendal producirá no Porriño a vacina anticovid para Europa de Novavax
Pablo Álvarez Freire, na súa intervención tras o seu nomeamento, fixo balance do traballo desenvolvido por Carme Pampín. "Exerceu un papel clave e fundamental na iniciativa e a consecución dos primeiros obxectivos de DATAlife", apuntou.
Zendal liderará o Hub de Innovación Dixital que dará servizo a 3.700 empresas que desenvolven a súa actividade en cadeas de valor que agregan o 19,4 por cento do Valor Engadido Bruto (VAB) de Galicia e xeran 75.000 postos de traballo.
Pablo Álvarez Freire destacou que DATAlife, grazas ao traballo de Carme Pampín e da súa xunta directiva, encara un terceiro trimestre de 2020 e un 2021 "desde unha posición inmellorable para achegar valor ao ecosistema galego de innovación vinculado á agroalimentación, biotecnoloxía, sector forestal, mar-industria e saúde".
O novo presidente do Hub de Innovación Dixital tamén destacou o impulso decidido da Xunta, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), durante os meses de constitución e posta en marcha do proxecto. Para o máximo representante de DATAlife, "o hub é unha oportunidade para mellorar a competitividade das pemes e das súas cadeas de valor, cun relevante peso específico no contexto económico de Galicia".
Pablo Álvarez Freire, para rematar, fixouse obxectivos: “Queremos que a curto prazo DATAlife se converta nun Hub de Innovación Dixital de referencia e fórmese parte da Rede de Hubs estratéxicos da Unión Europea".