Achan os corpos momificados de dous anciáns nun piso de Salou

Polo momento descártase unha morte violenta, xa que nos corpos non foron achados indicios de criminalidade
Furgón dos Mossos d'Esquadra. EFE
photo_camera Furgón dos Mossos d'Esquadra. EFE

Os Mossos d'Esquadra atoparon dous corpos momificados nun piso de Salou (Tarragona), probablemente o dos seus inquilinos, de avanzada idade e aos que non se vía desde antes do confinamento, sen signos de violencia visibles ou indicios de criminalidade, informou a Efe este venres a policía catalá.

Á espera dos resultados da autopsia que se lles practicará nas próximas horas, os Mossos descartan polo momento que se trate dunha morte violenta e apuntan a que as dúas persoas, un home e unha muller de máis de 70 anos, falecerían de forma "biolóxica" hai varios meses.

Foron os veciños do inmoble onde se atoparon os cadáveres os que alertaron na tarde do xoves á policía local de Salou de que desde antes do confinamento polo coronavirus non tiñan noticias destas dúas persoas, e estes comunicárono aos Mossos.

Os axentes acudiron ao domicilio, onde acharon a porta pechada, polo que se solicitou a axuda dos bombeiros para poder acceder ao interior. Unha vez dentro, atopáronse os corpos momificados das dúas persoas, presumiblemente os inquilinos do piso, cuxa identidade determinarán as probas forenses.