Ana Miranda visita a Junqueras, Romeva e Cuixart en prisión

"Un problema político" precisa "diálogo", sostén a voceira do BNG en Europa
Pontón e Miranda, en Lledoners BNG
photo_camera Pontón e Miranda, en Lledoners. BNG

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, acudiu este luns ao cárcere de Lledoners (Barcelona) para realizar unha visita ao exvicepresidente da Generalitat Oriol Junqueras, ao exconseller Raül Romeva e ao presidente de Òmnium Cultural, Jordi Cuixart, que se atopan en prisión preventiva pola causa independentista. 

Segundo informa o Bloque, trátase da terceira vez que Miranda vai ver aos "presos políticos cataláns" no centro penitenciario, desde onde subliñou, en referencia ao 'procés', que "un problema político ten que ter unha solución política e diálogada". 

Ademais da nacionalista galega, acudiron a Lledoners varios membros da plataforma Diálogo UE-Catalunya --na que se enmarca tamén o BNG--, como o eurodeputado François Alfonsi -do Partido da Nación Corsa- e o senador belga Mark Demersmaeker. 

Neste contexto, Ana Miranda fixo referencia ás recentes declaracións do relator especial da ONU para a Liberdade de Expresión e Opinión, David Kaye, quen pediu que non se acusase de rebelión aos presos do 'procés'.

"Que o relator da ONU diga que as sentenzas por delito de rebelión poden implicar extensas condenas de prisión e supoñen un risco moi grave para a liberdade de expresión debería ser tido moi en conta", apuntou a nacionalista. 

Comentarios