Cristina Cifuentes renuncia á súa acta de deputada na Asemblea de Madrid

A expresidenta non participará no debate de investidura do seu número dous, Ángel Garrido​

Cifuentes bebe agua. PACO CAMPOS
photo_camera Cifuentes bebe auga. PACO CAMPOS

A expresidenta madrileña Cristina Cifuentes renunciou este martes á súa acta de deputada na Asemblea, deixando, xa que logo, todos os cargos políticos tras abandonar a Presidencia autonómica e o liderado do PP na rexión.

Desta forma, Cifuentes, que dimitiu como dirixente autonómica o pasado 25 de abril, non participará como deputada no debate de investidura no que o seu número dous, Ángel Garrido, será presumiblemente elixido como o seu sucesor.

A expresidenta rexional renunciou ao seu escano mediante unha carta dirixida á Mesa da Asemblea, rexistrada no Parlamento madrileño, onde subliña que a decisión se fai efectiva desde este 8 de maio.

Segundo indicaron a Efe fontes do PP, o máis probable é que a acta de Cifuentes a asuma Lucía Fernández, quen ocupa o número 78 da lista electoral coa que o PP concorreu ás eleccións autonómicas de 2015, xa que os dous nomes que o anteceden na papeleta -Federico Jiménez e Ignacio Tremiño- forman parte do Executivo.

No que vai de lexislatura, a lista do PP, con 48 deputados, moveuse en decenas de postos, dada a inclusión no Goberno dalgúns deputados que deberon renunciar ás súas actas, pero tamén debido a dimisións por mor de investigacións por corrupción como a do exalcalde de Móstoles Daniel Ortiz ou a de Josefa Aguado.

Comentarios